Micah, que rollo tes ! Micah P. Hinson no Compostela Rock. 18-nov-2012

Novembro 20, 2012

Menciónase decote que se trata dun artista peculiar, cunha biografía de capítulos de perdedor e kamikaze que explica o seu xeito de cantar e as súas intensas composicións de tormento, perda ou amor. Desde que en 2004 editou aquel notable “Micah P. Hinson and the Gospel of Progress” convertiuse nun artista frecuente por estes lares, pero cada vez a súa figura semella máis absorbida pola parte extravagante, caótica e falangueira. Se das dúas horas e cuarto que estivo no palco quedásemos coa parte musical, estariamos a falar dun concerto magnífico. Porén, abusou de case unha hora de soliloquios (porque a meirande parte do público non lle segue o discurso) e afinacións que acabaron por deixar unha xeneralizada sensación de hastío.

A pesar das dúbidas por tratarse dun domingo, un prezo arredor dos 20 euros e un artista habitual, un público entregado superaba os tres cuartos de aforo, un notable éxito. Tal resposta débese, sen dúbida, ao apoio que lle brinda ao sureño a revista fetiche entre o público “indie” Rockdelux, Sen ir máis lonxe, a publicación catalana regala este mes un disco de rarezas, directos, caras-b e outras curiosidades que o artista está a presentar en directo como Micah P. Hinson & The Junior Arts Collective. Esta banda de acompañamento non é outra que os canadianos Timber Timbre, que abren as veladas con repertorio propio e regresan 20 minutos despois con apenas un cambio de instrumento entre guitarra e baixista.

Timber Timbre amosou solvencia instrumental na súa proposta escura, por momentos gótica, entre o blues e o country, pero as súas composicións pérdense decote na espesura. Sen defraudaren, convencerían moito máis ao público na interpretación das composicións do protagonista da noite. Aí estiveron magníficos, dotando da necesaria intensidade, ora doce ora tormentosa, a pezas como “Close Your Eyes”, “Seven Horses Seen”, “Beneath the Rose”, “2s and 3s”, “She”s Building Up Castles in Her Heart”, “The Last Charge of Lt. Paul”, “God is Good” e algunha das recuperadas na mencionada compilación de 2012.

Pola súa parte, Hinson, como xa vimos noutras ocasións, sempre está inquedo, insistente na afinación da guitarra e divagando sobre o que lle inspira no momento a canción que vai cantar. Nesta ocasión tamén bebeu refresco de cola e devorou peras e outros alimentos que traía na mochila. Excentricidades, ao fin e o cabo, pois ía comentando cada xogada abusando da paciencia dos seus músicos acompañantes e do público menos sumiso, ese que traga con todo; supoño que por mera pose de “apoio ao alternativo”. Conforme avanzaba o concerto íanse escoitando voces pedindo máis música e menos palabras, até que unha si chamou a atención de Hinson no momento en que falaba dun dos seus varios accidentes. Incomodado ao non entender o que un mozo lle dicía (un respecto do que tampouco el andou sobrado para co público) foise alterando e chegou a pedirlle que subise ao escenario, que collese a súa guitarra e demostrase a súa altura para lle falar así e dicirlle o que tiña que facer. Afortunadamente un “because I love your songs” calmou a Hinson que seguiu adiante sabendo que máis tarde contaría a historia que lle interrumpiran.

As ovacións do público ao remate das intensas baladas evidenciaba que puidemos saír encantados desta cita co Compostela Rock. Bo repertorio, banda estupenda e un son impecable na Sala Capitol eran os ingredientes infalibles. Non obstante, Micah P. Hinson encargouse de aburrirnos nas pausas entre cancións, innecesariamente longas, para amosar a súa parte humana, persoal. Unha cousa é introducir ou comentar unha peza e outra afogar na improvisación. Se cadra, o seu carácter é consustancial ao seu talento compositivo e vai todo nun pack indivisible. Xa que logo, corre o risco de que moitos caiamos na tentación de quedar cos seus discos.

Pepe Cunha, 20-nov-2012

AXENDA