Esta cantautora de Barcelona fogueouse en centos de concertos no circuito máis apartado do oficial; é dicir, en salas, bares, centros cívicos, teatros, casas okupas ou a mesma rúa, “Cero” é o seu primeiro disco oficial, esa gravación na que procurou reflectir unhas composicións enchoupadas de espontaneidade, inxenio e mesmo o seu chisco de surrealismo. Do labor de convertilas en cancións encargouse Alex Soler, non só producindo, senón tamén nos arranxos e a dirección musical. Neste apartado, a variedade de estilos é riquísima, pois atopamos momentos de suave electrónica, klezmer, punk, rock urbano, música de cámara, rumba, pop ou blues. Un coidado eclecticismo sonoro para vestir textos reflexivos, sobre aspectos da realidade ou introspectivos, pero sempre espremendo emocións e cunha linguaxe cotiá. Meritxell faino con descaro e sensibilidade, sen escatimar en doses de teatralidade ou rapeados, como en “Complicado”. Entre as canciónse máis alegres e bailables, “Caminito, “Mi vida es mía”, “La reina de la panacea”, “Harta”, Complicada”; entre as repousadas ou contidas, “Dos”, “Dormido”, “Te pido perdón” e, sobre todo, “Pequeño salto”. Un debut con abonda personalidade e que remata cuns versos ben claros do seu carácter inquedo: “si me quedo quietecita pienso que el mundo que amo nada lo va a cambiar”. Pois que non pare.
Editado por La Produktiva records.
Pepe Cunha, 8-febreiro-2012
Featured