mercedes peón “sós”

Xaneiro 10, 2011

Tras darse a coñocer polo seu traballo coma antropóloga musical, hai algo máis de 10 anos comezou a editar álbumes de seu unha das artistas galegas máis comprometidas coa creatividade, a cultura, a expresión artística, a modernidade e a feminidade. Tras “Isué”, “Ajrú” e “Sihá”, chega o seu traballo máis sorprendente. E iso é moito dicir se temos en conta a súa gañada reputación de artista única, diferente. Non é que nos seus anteriores traballos Mercedes Peón fose compracente cun público xeral, pero si que incluía pezas que podían estar menos arredadas da convencionalidade ou seren máis facilmente asimilables. Neste autoproducido “…—… SÓS …—… “, a artista ispe as súas inquedanzas cun labor practicamente solitario de multiinstrumentista e enchoupa as cancións con samplers, programacións e sons da vida cotiá. Abandoen os prexuízos e calquera atisbo de frustración por non aprehender todo o que a artista quere expresar, porque estas dez cancións son sensacións, soños, pantasmas, aprendizaxes, influencias, realidades da artista. Aquí trátase de coller “o tren da vida” e deixarse levar na viaxe de sensacións e ritmos que agroman dun individuo para conectar coa universalidade, desde os tintes populares de “Falar mellor” á mestura de sons de “Sao Paulo”, pasando pola nana “Nana meus” e rematando co melancólico clarinete de “Ciumes”, por citar tres grandes momentos. Con álbumes coma este, a etiqueta de “world music” queda cativa ou sofre unha reinvención nesa confluencia do experimental e o tradicional. Se xa lles picou a curiosidade, proben unha escoita e fáganse logo cun exemplar desta primeira edición en caixa de aluminio. Pero ante todo, non a perdan en directo.
Pepe Cunha 10-xaneiro-2011

AXENDA