Pasaron oito anos da edición de “Sós”, aquel disco sorprendente, creativo e conceptual, pero tamén abafante pola súa atmosfera vangardista e un exceso de información. Talvez por iso foi mellor recibido pola crítica que o público en xeral, máis afeito ao concepto de canción convencional que á experimentación. Porén, isto escapa ou non preocupa á nosa artista, que non busca nin sorprender nin agradar, senón actuar guiada á súa responsabilidade artística, a de reflectir os conceptos nese momento na súa cabeza. Iso é unha artista comprometida, que non pretende compracer senón se expresar libremente. E o público tamén debe facer un esforzo.
Tras un traballo de moitos anos coa tradición, Mercedes Peón debutou no 2000 por todo o alto con “Isué” (2000). Á marxe de clichés e convencionalismos foi construíndo unha traxectoria respectada e admirada grazas ao seu compromiso como artista galega e universal de voz abraiante, inconformista e coñecedora da tradición. “Ajrú” (2004) e “Sihá” (2007) tiñan un ton electroacústico e despois chegou o vangardista “Sós” (2008). Pasaron oito anos que non foron un descanso, porque ela non deixou de tocar -principalmente polo estranxeiro- e de colaborar cando realmente sentía o proxecto, como coa Warsaw Village Band ou os concertos de celebración dos 20 anos do “Paralaia” de Xosé Manuel Budiño, que quedarían “coxos” sen a forza emocional desta voz. Tardou este álbum porque a nosa protagonista non vai facer disco “porque toque”; ela non responde aos tempos ou dinámicas da escena musical; se considera que ten o concepto dun disco, traballa nel e agora pensou que o tiña.
E vaia se o tiña ! “Déixaas” confírmanos a artista total, ecléctica nas composicións, que mestura a polirritmia, os ritmos ancestrais, as programacións e desta vez coas voces de Mónica de Nut e Ana Fernández; na instrumentación, os clarinetes de Fernando Abreu, as guitarras de Manuel Cebrián, o acordeón de Fernando Martínez, o baixo de Manuel Alonso e o piano do cómplice na produción Nacho Muñoz ( que traballo en “Olores perdidos”!). No centro, ela na voz, a gaita, as percusións, a parte electrónica e as gravacións nos estaleiros de Navantia. Chámalle electrónica de vangarda, electrofolque, world music 2.0, electro-trad … o que che preste, pero as ideas preconcibidas, “se voan, déixaas ir”.
Desde a música industrial no adianto “Plataforma” (imperdíbel o vídeo!) até o ar reggae de “Cabo de min”, en “Déixaas” pode pasar case de todo. Desta vez si que estamos ante un álbum equilibrado dentro do seu maremagnum artesán de ideas, pistas, ambientes e sensacións sonoras, que pode facer que bailes ou que te emociones cunha balada. E no textual expón preocupacións e reflexións pola identidade, o xénero, a linguaxe, a pertenza, o ambiente sociopolítico … Unha artista comprometida coa súa expresión, co seu corazón e cunha cabeza que é quen de regalar marabillas coma “Partículas”, “Mk”, “Ela propón”, “Olores perdidos”, “Linguas elementais” coa colaboración das escritoras Yolanda Castaño, María Reimóndez e Sukirtarrani … Non teñas présa para degustalo do tirón, saboréao, que este disco é contundente e veu para deixar pegada.
Pepe Cunha, 11-maio-2018