maryland “get cold feet”

Abril 14, 2011

Coma no seu debut “Surprise”(’09), a banda viguesa de indie-rock con dúas parellas de irmáns volve apostar pola edición con Ernie Producciones e a producción de Jaime García Serrano (Sexy Sadie, Señor Nadie), á que se suma Iago Lorenzo. Se nisto as cousas saíron ben, para qué cambiar? Outra cousa é a proposta musical, onde semella pequeno o seu crecemento ou evolución. Seguen a facer bos temas e talvez o disco plasme mellor o seu directo, pero algo se pode mellorar cando o álbum acaba por soar máis chan e repetitivo que consistente ou compacto. Abren cunha das mellores pezas, “Red boots” que xoga ao despiste cunha intro relaxada pero que non tarda en deixar paso á tónica predominante: riffs e capas de guitarras sobre unha melodía pop a maior gloria de bandas dos 90 e unha voz algo agochada cun inglés mellorable. Mágoa que unha vez apreciadas as boas maneiras de temas como “So Happy, So Young”, o ouvinte non incondicional desta proposta devecerá por un chisco de diferenciación ou selo máis persoal. Malia isto, podemos apreciar que a batería acada máis protagonismo en temas coma “Atom Bomb”, que manexan ben o ton melancólico de “For Me Today” e que a longa e elaborada peza que pecha o disco (“Little Miss Sunshine”) fai albiscar un enriquecemento da súa proposta. Coido que deles podemos esperar algo máis ca un disco correcto no seu estilo. A portada é da fotógrafa Tamara de la Fuente e o deseño de David Sierra.

Pepe Cunha 14-abril-11.

AXENDA