Martelo “O mesmo animal”

Xuño 13, 2023

Tivemos que esperar dez anos para que este trío de power rock entregase a continuación do seu disco de debut. Se non fose porque de cando en vez tocaban ao vivo, pensariamos que até aí chegaba o capricho de tres músicos solventes máis vencellados á escea jazz. Estaban activos, pero a vida vai traendo algunhas cousas mentres que outras se van atrasando. Afortunadamente, Xacobe Martínez Antelo (voz e baixo), Manuel Cebrián (guitarra) e Max Gómez (batería) regresan con nove cancións tan enérxicas e con textos tan combativos como aquelas “Regulación de plantilla”, “Podo prometer e prometo” …

Unha década despois as cousas non mudaron moito, “sonche tempos complicados“, as súas reivindicacións seguen vixentes e eles conservan intactos a actitude e o ánimo, nunha liña continuísta pero tamén máis interesante, da man desas reflexións que disque maduran coa idade. O que non significa que necesiten argallar un discurso complexo para dicir moito e o exemplo máis claro é “As palabras”, onde van soltando precisamente “palabras que non me aguantan na boca“. O seu rock é claro e directo por dentro e por fóra, na estrutura e no discurso, con influencias e lembranzas de Rage Against the Machine, Rollins Band, a Jimi Hendrix Experience, Def Con Dos e os Resentidos máis cañeiros. Para o final deixan “Somos un”, a peza máis longa e complexa que, ademais, inclúe o título do disco: “A mesma Forza Universal, o mesmo sangue, o mesmo animal“.

Martelo móllanse e poñen en evidencia unha sociedade na que estamos “Sempre quietiños agardando instrucións”. As súas cancións son rabia e convición, un berro de verdades pesadas coma lousas e unha proposta vehemente e sólida no musical e no social.

Pepe Cunha, 13-xuño-2023

podes escoitalo no seu bandcamp

repertorio
Algo pasou
Tempos complicados
Escusas
E ti?
Meu
Xente cativa
As palabras
Amén
Somos un

AXENDA

Facebook

5 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook