Marlango

Outubro 19, 2013

Ciclo Son(s) do Jofre.

nota:

O 19 de outubro actúan en Ferrol presentando o disco “Un día extraordinario”
Saen á venda as entradas para o concerto de Marlango dentro do ciclo Son(s) do Jofre

O vindeiro sábado 19 de outubro o ciclo Son(s) do Jofre volve ofrecer unha actuación de renome en Ferrol. Marlango actuará no Teatro Jofre a partir das 20,30 horas, presentando o seu último disco, “Un día extraordinario”. As entradas para esta cita xa están á venda, cun prezo de 15 euros por adiantado máis gastos de xestión a través da web www.servinova.es, ou pódense mercar na billeteira o día do concerto.

Marlango fórmano Leonor Watling, Alejandro Pelayo e Óscar Ybarra e é un grupo clave no panorama independente español, co seu pop próximo ao jazz e ao blues. No concerto de Son(s) do Jofre, presentarán os seus novos temas, pero tamén aproveitarán para recuperar algunhas das cancións máis emblemáticas da súa traxectoria.
As influencias musicais que marcan a súa carreira deixáronse sentir xa no seu primeiro traballo “Marlango”, no que fan un percorrido do rock ao jazz, á música de cabaré e á banda sonora do cine de David Lynch. Fixeron un ano de xira por salas de toda España e recibiron de mans de Pedro Almodóvar un disco de ouro polas primeiras 50.000 copias vendidas.

Tamén acada o disco de ouro o seu segundo álbum, “Automatic Imperfection”, que sae á luz setembro de 2005. Ao ano seguinte fichan xa pola discográfica Universal, coa que publican unha edición especial deste traballo, conseguindo unha gran distribución internacional.

É en setembro de 2007 cando sae á venda “The Electrical Morning” , terceiro álbum de estudo da banda. Marlango encárgase ademais en decembro dese mesmo ano de versionar o tema interpretado por Julie Andrews “My Favourite Things” no filme “The Sound of Music”. A banda puxo así música e voz na campaña de Nadal de El Corte Inglés, un spot foi dirixido por Federico Brugia.

O cuarto disco de Marlago é “Life in the Treehouse”, publicado en marzo de 2010 e precedido polo sinxelo “The Long Fall”. Nel, contaron coa colaboración de artistas de renome como Rufus Waingwright, Suso Sáiz e Jorge Drexler. Dous anos despois, e tralo sinxelo “Dame la razón”, en abril de 2012 saía á venda o quinto traballo do grupo e o primeiro en castelán. “Un día extraordinario” foi gravado en directo e ademais rexistrado en vídeo, dispoñible para descarga coa edición especial do disco.

AXENDA

20:30 h.
Teatro Jofre, Ferrol.
15 €