María Rodés

Outubro 10, 2013

nota:

O Kunsthalle Compostela acolle o concerto da nova referencia musical independente María Rodés

O Kunsthalle Compostela e a bebida espirituosa Nordés traen a Santiago o concerto de María Rodés. A artista barcelonesa actuará o xoves 10 de outubro, a partir das 23:00 horas. Trátase dun directo, con entrada gratuíta, que se enmarca dentro da programación “Nordés After Work”, unha alternativa nocturna que combina música, gastronomía e coctelería.

María Rodés é unha cantautora que se distingue pola súa delicadeza e imaxinación, cunha traxectoria que se vai consolidando grazas á calidade e coidado dos seus traballos. A súa andaina comezou en 2007 da man do guitarrista Andy Poole, co que gravou a súa primeira demo titulada “Oníric”. A súa proposta funcionou e xa en poucos meses atopábase gravando o seu disco de debut nos estudios Ultramarinos Costa Brava, co apoio de Ramón Rodríguez (The New Raemon, Madee, Cydonia). Cando saíu á luz “Sin Técnica” (Cydonia, 2009) as críticas foron unánimes: a prensa gabou a súa sonoridade insólita, froito da experimentación con sons cotiás combinados coa súa voz, que se move entre o naif e por momentos, a vehemencia.

Agora a cantautora xa emancipada dá continuidade a esas mesmas premisas coas que comezou: diversidade de linguaxes verbais e musicais, desde o folk á bossanova e á electrónica. En abril de 2010 publica o seu primeiro disco asinado co seu propio nome “Una forma de hablar”, producido por Ricky Falkner, baixo o selo discográfico BCore. Os seus estudos de Arte Sonoro permítenlle descubrir novas perspectivas, que plasma no seu último traballo “Sueño Triangular” (BCore, 2012). Trátase dun disco autoproducido, con arranxos musicais da guitarrista Maru di Pace e o artista sonoro Lluís Surós.

María Rodés traerá así ao Kunsthalle Compostela todo este envoltorio melódico, que destaca máis aínda a presenza da súa voz, que emprega con distintas texturas, harmonías e coros. Unha conxunción sonora que a fai diferente e que crea un recital agradable ao oído, sensual e íntimo.

O concerto é unha proposta de calidade máis que achega o “Nordés After Work”, que na súa primeira edición logrou vincular a gastronomía e a coctelería coa cultura, no seu aspecto máis amplo, sen límites: show-rooms de moda, música, deseño, artes plásticas. Unha nova forma de lecer para as noites de xoves en Santiago, da man do Kunsthalle e a recoñecida marca galega de xenebra e vodka Nordés.

AXENDA

23:00 h.
Sala Kunsthalle, Santiago de Compostela.
De balde.