María López “Daydreaming”

Marzo 30, 2025

Aos seus 20 anos a multiinstrumentista naronesa María López debuta cun disco ao que se refire como “soñar esperta”. Non é de estrañar, pois a súa traxectoria faille xustiza. Comezou en 2010 a súa formación musical para en 2022 titularse nos Graos Profesionais de Gaita e Piano no Conservatorio Profesional Xan Viaño de Ferrol. Ademais destes estudos, aprendeu zanfona canda recoñecidos mestres internacionais do instrumento e, para rematar cos instrumentos que toca neste disco, tamén lle dá aos whistles. En 2019 (con 14 anos!) gañou a XXXIV edición do Trofeo MacCrimmon no 49ª Festival Intercéltico de Lorient, converténdose na primeira gateira galega, e a máis nova, en acadar tal galardón. E se falamos de colaboracións, pois xa tocou con BellónMaceiras, Susana Seivane ou Carlos Núñez.

Con este currículo e experiencia, podería tirar de colaboracións para facer un disco máis atractivo ou ao uso, mais semellaba ter a idea clara. Esta ben podería ser a de fuxir de etiquetas ou clixés moi estabelecidos, de sacar cada instrumento das súas sonoridades máis habituais. María López é a única intérprete e ademais encárgase da produción dun álbum gravado e mesturado nos ferroláns RRStudios. Viaxa por diferentes estilos pero con maioría de títulos ben populares e así atopamos composicións clásicas, como o “Adagio” de Albinoni, “Der Leiermann” de Schubert, ou o “Prélude” de Bach, as galegas “Lonxe da terrriña” e “Alalá das Mariñas”, un dos tangos máis celebres (“Por una cabeza” de Gardel) … ou as pezas que rompen o ritmo contido do disco: “Tico tico na fubá” e “Hora staccato”.

“Daydreaming” é unha carta de presentación notábel do potencial que atesoura esta música, que ademais xa presenta unha composición propia para fechar o disco e abrir así a fiestra ao que está por vir. Mención merece tamén o selo discográfico que a edita, Segell Microscopi, pois repite a experiencia de nos descubrir outro talento do país tras Caamaño & Amexeiras e Carmela, aquí comentados e celebrados.

Pepe Cunha, 29-marzo-2025

AXENDA

Facebook