O disco estrela nos últimos meses no país é, sen dúbida, un libro-CD-DVD para goce de toda a familia, non só dos nenos. Hai xa anos que arredor de Ruí, un cativo con parálise cerebral, varios artistas se van xuntando para agasallalo con cancións polo seu aniversario. Porén, non foi até finais de 2012 que o proxecto María Fumaça foi presentado deste xeito tan fermoso e coidado. Entre os moitos participantes, artistas recoñecidos guiando a locomotora: Sérgio Tannus e Uxía encárganse dos arranxos musicais, Cuchi Carreira da realización dos video-clips, P. Pastor do deseño gráfico e a editorial Galaixa de sacalo á rúa.
Nesta celebración da vida, a integración e a felicidade atopamos composicións ex profeso de Tannus, Magín Blanco, Carlos Blanco, Chus Domínguez, Quico Cadaval e Paco Barreiro, temas versionados para a ocasión, poemas de Manuel María musicados (“O gato” e “O semáforo”) e adaptacións de cancións tradicionais do Brasil (“Fun ao mercado”), Galicia (“Bailaches, Carolina?”, “Que baile con quen?”) e o Sáhara (“Tadia”). Así até 24 cancións, con mención especial para as dúas pezas inspiradas polo protagonista: “Riso de Ruí” e unha “Ruí e as baleas” simplemente emocionante, coa voz do inspirador deste proxecto. Ademais desta xoia, salientamos as outras dúas composicións dun Magín Blanco que segue en bo estado de forma compositivo: “A bruxa Maruxa”, onde volve a cantar a dúo con Uxía, e o rock and roll clásico de “Xa son maior”.
O peso instrumental recae sobre Sérgio Tannus, Sérgio Sales, o contrabaixista “Castillo” e o percusionista de Berrogüetto Isaac Palacín, tamén encargado da gravación en dous días. Entre as moitísimas achegas puntuais, xente de Tanxarina Títeres, Manuel Sío, a Familia Domínguez Senlle … nunca mestura de vocalistas desde profesionais a amateurs -crianzas incluídas-, ben acaída para conservar proximidade e unha certa dose de espontaneidade sen que a calidade do produto sofra en demasía. Alén do musical, deberiamos falar das fermosas ilustracións do Pastor e o contido do DVD. Neste recóllense, entre varios apartados máis, as explicacións dos pais de Ruí sobre este agasallo que é María Fumaça e o seu crecemento, 7 videoclips-karaoke orixinais, as gravacións dos nenos cantando con Ruí e, de novo, a emoción con “Ruí y las ballenas”.
Xeneroso e ben bonito, sen dúbida.
Pepe Cunha, 4-xaneiro-2012