Coincidindo co Nadal, chega a terceira entrega de María Fumaça, un proxecto musical argallado en torno a Rui, o afillado de Uxía, co fin de celebrar unha vida que vivir con normalidade, cantando, sorrindo e bailando para superar as diferenzas, neste caso a discapacidade. O que comezara coma unha reunión familiar leva xa uns aniños gozando dun éxito merecido entre o público familiar grazas a unhas edicións fermosas en libro-disco e uns concertos cheos de enerxía e diversión. “Cantar e bailar para ser más feliz!!!” é o lema.
“Aire” tráenos de novo, ademais de P. Pastor no deseño, música gravada para a ocasión por artistas da categoría de Uxía, Sérgio Tannus, Isaac Palacín, Santi Cribeiro, Serginho Sales ou Magín Blanco. Mais tamén temos as voces de membros de Tanxarina títeres, o actor e humorista Carlos Blanco, o propio Ruí, e xente da Familia Domínguez Senlle, Desde o comezo con “Ven comigo” de Uxía e Magín Blanco apreciamos cancións que con intelixencia emocional falan de valores e poñen a atención en cousas cotiás (malia a omnipresenza da tecnoloxía) sen pecar de ñoñas ou simples.
Salientaría en particular, por ser varias e ben logradas, as asinadas por Chus Domíguez: a pegadiza “Rocanrol”, “Pedro Chosco”, a preciosa “Aire” e esa “A horta de Balbina” que claramente busca repetir o éxito de “Manola” e o seu peixe. Ademais destas, e mantendo o nivel de diversión e calidade, non faltan xogos (“Gústame xogar”), os xoguetes (a “Canción da marioneta” de Tatán), as máis bromistas “Malote” de Carlos Blanco, “Apertando” de Magín ou “O neno caníbal”, poesía de Manuel María (“O meu barco”), o optimismo de Tannus (“Como ti queiras”), coplas populares (“Zapato no pé”) … e a máis experimental “Suite en Rui”, onde emociona escoitar a Rui sobre as cordas de Tannus e Magín. Tamén hai lugar para o inglés e o “indie” cos ukeleles das irmás Freiría: “Just You and Me”.
Parece mentira que este álbum se gravase en 3 días, pero a clave deben ser os tamaños do corazón, talento e unha idea que segue máis viva que nunca, como reflcte o peche con “Máquina de amor”: “Queremos esa canción para cantar, canción para viaxar, canción para bailar”.
Pepe Cunha, 16-decembro-2016