marful “manual de sedución”

Febreiro 06, 2011

Finalmente recibimos a continuación do seu debut de 2006, aquel álbum que significara para a música feita en Galiza toda unha revolución musical. Até entón non gozáramos dunha mestura musical de tal calidade interpretativa, cunhas letras poéticas cos seus puntos axeitados de retranca e unha coidada posta en escea e teatralidade. Ugía Pedreira, Marcos Teira, Pedro Pascual e Pablo Pascual regresan con calma nuns tempos nos que prima o inmediato, o efímero e o consumo rápido. Eles traballan e crecen día a día, escoitando, viaxando, participando noutros proxectos e mesmo impartindo clase na Central Folque e iso reflíctese no novo disco.

O álbum fai honor ao seu título e actúa como a sedución: aos poucos, sen présas, con máis variedade instrumental e máis detalles, pero sen arredarse desas referencias populares tanto galegas coma doutras latinidades, chámense twist, jazz, slow, swing, pasodobles, music-hall, jotas, mambos, ou o que o instinto e a creatividade lles pidan. Porén, está presente o risco da espesura ou a dispersión co abuso dos cambios de ritmo nunha mesma peza, sacrificando a asimilación case-inmediata, esa concreción propia da música popular. E iso acontece en varias ocasións, como na peza que abre, “Santa Candela”, que é un bo resumo dos mencionados puntos. Aparte da calidade interpretativa dos músicos, adoitan saír airosos en boa parte grazas á ben acaída dose de teatralidade e carisma que suma Ugía á súa recoñecida arte coma vocalista.

Así, case unha hora de Marful dá para moito e ás veces tan bo como “Jota valseada para Frank Sinatra”, “Esta noite serenou”, “Airiños Mambo” ou “Tres peixes”. Ademais dos moitos e reputados colegas músicos que achegaron a súa arte á gravación, no extramusical tamén coidan os detalles: Misha Bies Golas deseñou o CD, O Pastor fixo as fotos e Gonzalo Vázquez vestiu os músicos. Personalmente, eu deixaríame seducir por un disco que premia un chisco de atención e paciencia.

Pepe Cunha 6-febreiro-11

AXENDA