Marful apura os últimos concertos da Xira Surreal e sobe ao norte, ao templo da Fábrica de Sargadelos.
Marful entra no templo da arte fabril galega: a Fábrica de Sargadelos.
A Fábrica poderá visitarse durante a mañá (até as 14h).
A presenza musical de Marful comezará ás 20:30h en punto e rematará ás 22h.
Ao remate, artistas e público poderán degustar unhas tapas en Cervo,
ofrecidas pola S.D. Cervo-Sargadelos e a Asociación Cultural Airiños do Xunco,
preludio da Festa do Porco que terá lugar ao día seguinte.
Esta actividade é posíbel grazas á colaboración do Concello de Cervo, a Fábrica de Sargadelos e grazas ao público.
Aforo limitado (40 persoas). Entrada 15 euros. Reserva de entradas no Concello de Cervo ou aquí
Xira Surreal: “MARFUL é o mellor que lle puido pasar á música galega nestes últimos 10 anos!”, din os fans do grupo.
Marful revolucionou a música galega, convertíndose nun grupo de culto entre a intelectualidade do seu país.
Sempre na vangarda, son desbrozadores e exploradores de novos camiños- Marful souberon situarse no panorama nacional (mellor disco do público no 2006) e internacional (Feira da Habana,Festival de músicas do mundo de Sines, Celtic Connections), sendo o primeiro grupo en representar a Galiza no Womex 2007 e o único grupo que ten tocado no templo da música portuguesa, a Casa da Música de Porto.
Un dos mais grandes guitarristas de flamenco Marcos Teira, o mestre do acordeón diatónico Pedro Pascual, o exquisito clarinetista Pablo Pascual e a voz que arranca das entrañas Ugia Pedreira (da Mariña) conforman este arquipélago de existencias musicais: Marful.
Porque non hai máis crise cá das ideas e o mundo é dos “valentes, que ensinan os dentes”, Marful arrinca este 2012 cunha xira chea de beleza e cariño. Un percorrido polos lugares máis paradisíacos da xeografía galega. Unha proposta de achegamento ao público do país porque “Sempre hai público para unha boa música. Sempre hai corazón para un bo sentimento”.
Namorados do patrimonio civil e da arquitectura, como o mostran nos seus discos, deciden e elixen os lugares donde atoparse en cadeas persoais singulares, espazos únicos e momentos exclusivos. Desfrutando da poética e historia dos espazos a través do potencial maior, a emoción que move o mundo: o amor. A poesía e o amor extensíbel a toda forma de vida.
Marful confía plenamente no público galego mais alá dos palcos dos teatros e auditorios, que tamén. Do público que acepta desfrutar do reducido, das pequenas cousas. Marful elixe aventurarse e achegarse á xente en lugares singulares, unindo turismo cultural e música, combinando o sano minifundismo galaico con ideas sociais avanzadas.
Soñando e xogando a vida en cada actuación, estas “presenzas musicais” de Marful tratan dun coñecemento sobre eles mesmos e sobre os seus oíntes cos que desexan fundar, se é posíbel, relacións máis profundas que a aparencia. Por iso lles ofrecen a súa presenza próxima, nun formato coidado e exclusivo, para que dunha maneira íntima e atenta os poidan escoitar cantar, tocar, falar, respirar, degustar, emocionarse e suar.
Nesta “Xira surreal” Marful percorrerá mosteiros, illas, muíños, conserveiras, museos, granxas, bodegas, pazos, torres, fervenzas, castelos, fábricas… ofrecendo en cada espazo o mellor de si: a súa música, a súa presenza. E, de acompañamento, os mellores produtores e produtos gastronómicos de cada zona, arredor dos que se atoparán artistas e público. Os aforos serán limitados; as músicas e as presenzas non. Ofrecerán o mellor dos seus dous discos e algunhas xoias a maiores, e partillarano todo coa maxia dos diferentes lugares, en acústico ou semiacústico.
www.folque.com