Marcelo DoBode “Turoqua”

Decembro 14, 2019

Se no dúo Primordiais a voz e percusións de Marcelo se unían á arpa e o banjo de Luis Martínez Pérez, agora o fan a toda unha banda de pop-rock. O seu primeiro disco en solitario sitúase en liña con outros álbums que nos últimos tempos chamaron a atención con propostas que manteñen un pé no tradicional e co outro chimpan por outras sonoridades máis contemporáneas. Sabendo que non se trata de nada anovador pero si arriscado, podemos celebrar o resultado deste “Turoqua” dun xeito similar aos “Déixaas” de Mercedes Peón ou “Solpor” de Baiuca.

A idea da fusión hai décadas que deixou de xustificar calquera experimento, así que cómpre centrarse nos resultados. Neste disco as cancións transmiten alegría e calidade, cun son que lembra música comercial dos 80; ou para enterdérmolo no mellor senso, comerciábel, e aquí son claves os arranxos e teclados de Adrián Saavedra, cun son pulcro e ben empastado. Non parece casual que os punteos da guitarra de Ramon Orencio “Mon” sexan o segundo aspecto en presentarse tras a percusión e voz de Marcelo na espectacular “Carballeira” que abre o álbum. Canda os tres mencionados, a banda espectacular complétana unha sección rítmica que latexa con precisión: Félix Rodríguez na percusión e Xacobo Prieto ao baixo. Todos xuntos interpretan melodías entregadas a ritmos contemporáneos que encaixan con facilidade nesta unión ao folklore.

A esencia do noso protagonista está sempre aí, na súa voz, pandeireta e pandeiros, mais tamén nun carácter optimista que non esquece a mensaxe: “o rural foi sempre noso, non imos abandonalo”. Nas letras xoga a traer coplas tradicionais ao presente e no musical a banda pode mollalas con jazz (“Rarito”), reggae (“Amor verdadeiro”), certo punto funky latino vacilón (“Puñeladas”), pop-soul (“Déixame ir”) ou claramente disco (“Heicho de dar”). Mais non por todo isto Marcelo deixa de facer unha homenaxe a “Rosalía” repasando versos da poeta nacional só con voz e percusión ou de atender o folclore doutras terras peninsulares, como nese “Suspiro” onde se loce a cappella e un “Báilalo” de aire flamenco co invitado de luxo Kiko Veneno, talvez o momento de maior risco e que resolven tamén con solvencia.

En troques do anuncio desa cadea de supermercados había que meter este disco en vea á xente que acepta esa visión adormecida e costumista e que en realidade está de costas ao noso folclore, ás nosas raíces musicais. “Turoqua” é unha proPOPsta recomendabilísima para mentes abertas ou por abrir, se aínda dubidamos que hai un mundo de posibilidades sen esquecer o que nos diferencia. “Aquí vin, aquí cheghamos, aquí nos mandaron vir. Aquí está Turoqua, este son é para ti.”

Pepe Cunha, 14-decembro-2019

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
Tarefas urxentes:👆Nomear unha Dirección Xeral conforme a lei🛑Frear desmantelamento e precariedade✊Recuperar a produción propia💪Reabrir ou fortalecer as delegacións para ter unha cobertura real de país👩‍💼Estatuto Profesional➡️Consello de Informativos#VenresNegro309CRTVG#DefendeAGalega ... See MoreSee Less
Ver en Facebook