Mantendo o nivel emocional. Cantos na Maré. Pazo da Cultura de Pontevedra, 14-xaneiro-2012

Xaneiro 18, 2012

A maxia da comuñón entre músicos e público pode xurdir en momentos concretos dun concerto. Pode ser unha canción que acadou especial repercusión ou simbolismo, unha interpretación que engaiola ao público ou esa complicidade que ás veces aparece. Mais que esa maxia se estenda a boa parte dunha velada e que se repita edición tras edición é un pequeno milagre que o festival da lusofonía Cantos na Maré está a conseguilr. O seu orixinal esquema é a diferencia fundamental para con outros festivais e punto clave da súa aceptación e recoñecemento. Os artistas invitados non chegan para actuar puntualmente cos seus repertorios e músicos de acompañamento, senón que comparten talentos e ensaian durante uns días entre eles e cunha banda formada ad hoc. Aquí conflúen distintas latitudes, diferentes sonoridades, varias xeracions, pero un vehículo idiomático común: as linguas xurdidas do galego-portugués. Deste xeito, o posible obstáculo idiomático non existe e inmediatamente entran en xogo a arte e a convivencia que se reflectirá na cita co público. Este demostra ano tras ano que cre na idea e xa acode, como indicou a directora artística e alma Uxía Senlle, “fiel, cómplice e implicado”. Visto así, talvez o máis normal é que esa maxia tamén queira presentarse cita tras cita.

O Pazo da Cultura pontevedrés rexistraba outro cheo para recibir xa a primeira interpretación da peza “Cantos na Maré” coa propia Uxía e Xoán Curiel, o representante local. Ao igual que os anteriores (Guadi Galego, Xabier Díaz …), o da Fonsagrada pasou de espectador a protagonista sobre as táboas e defendeuse con soltura a pesar de ter que abrir a velada e non estar aínda afeito a grandes audiencias. Porén, deulle á noite o toque máis pop e experimental, ben apoiado por Sergio Tannus, compañeiro de batallas e un dos grandes músicos da banda que tan maxistralmente volveu dirixir o pianista das Azores Paolo Borges. Completando o plantel de músicos, Quiné (Portugal) na percusión, José Manuel Díaz (Cuba) no contrabaixo e Moisés Fernándes (Portugal) na trompeta, que arrouparon magnificamente aos vocalistas sen importar cara a onde se movesen os estilos.

O ambiente iría in crescendo coas aparicións da brasileira Socorro Lira e, especialmente, coa caboverdiana Mayra Andrade e o portugués Carlos do Carmo, que achegaron xenerosas doses das súas personalidade e arte adaptadas con naturalidade ao contexto deste festival. Lira trouxo a súa simpatía e sinxeleza cos cantos tradicionais do nordés do Brasil. O elegante e cativador señor do fado abraiou coa súa voz e tamén provocou as risas cos seus comentarios. Mayra Andrade amosou radiante a estrela que xa é na escena dos ritmos do mundo, deixando a audiencia perplexa coa súa comodidade sobre as táboas. Mais se falamos das cancións en si, cómpre salientar non só a irresistible “Lúa” de Mayra Andrade ou unha abrasileirada “Lisboa menina e moça” de Carlos do Carmo con bromas e acompañamento do público, senón polo menos tres sobrecolledores duetos: Socorro Lira e Uxía tenras con “Cantar e sorrir”, Uxía e Do Carmo cunhas voces elegantísimas no fado “Gaivota” e Do Carmo e Andrade seducindo con “Um homem na cidade”. Tamén houbo momento para a festa popular da man de Socorro Lira acompañada de Curiel e Uxía aos coros e o convidado Paulo Silva no coco.

Xa chegando ao final, vivimos un momento non por esperado menos emotivo dada a trascendencia mundial da artista: a lembranza da recentemente finada Cesária Évora. Como cumpría, a representante caboverdiana interpretou, cos demais cantantes nos coros, a mítica “Saudade” e rematou emocionada perante unha das ovacións da noite. Asemade, e falando de lembranzas, momentos antes Uxía tamén adicara os reivindicativos “Alalás encadeados” de versos de Uxío Novoneyra a ese gran galego que nos deixou hai pouco: Isaac Díaz Pardo.

Porén, xa chegaba o final tras unhas dúas horas e media de festival e o público encantado non dubidou en acompañar o “Cantos na Maré”, con tan bo sabor nos ouvidos e no corazón que de seguro esgotaría as entradas da vindeira edición se se puxesen á venda. Porque se nalgo se pode confiar para volver sentir esta maxia é no labor integrador e no compromiso contaxioso de Uxía, que algo estará a argallar xa para a significativa décima edición. Polo menos intuímos que o Concello de Pontevedra non dubidará en seguir apoiando e que o éxito obrigará a que o AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) repita a súa colaboración. Esteamos atentos ao especial que Radio 3 ofrecerá do evento.

Pepe Cunha, 18-xaneiro-2012