Unha cousa son os camiños que supostamente deberiamos seguir e outra os que seguimos, eses “Caminitos del deseo” do deseño deste cuarto álbum da banda barcelonesa Manos de Topo. Pasaron os anos e 3 álbumes desde a sorpresa inicial, pero algo non vai cambiar coa nova entrega: a voz de Miguel Ángel Blanca está á marxe dos cánones e sempre desatará fobias e filias. Afortunadamente, tampouco deixan de entregar uns textos dos máis característicos e persoais do pop español, con momentos aquí tan brillantes como “Ingeniería nupcial”. Non obstante, sexa por algo de contención, sexa por madurez, este seu primeiro traballo autoeditado semella máis contido, cuns Manos de Topo algo máis maduros ou resabiados.
Producido de novo por Ramón Rodríguez (The New Raemon), dez cancións sobre o amor e as relacións humanas ateigadas de traxicomedia, sur/hiper/ir-realismo, rancor, sexo, culpabilidade, venganza, autocompaixón, medo, miseria … O conxunto talvez careza dalgunha canción de dixestión máis doada ou inmediata que acade cotas altas de popularidade, así que a atención do ouvinte é imprescindible para recibir uns textos ateigados de metáforas e versos que poden cravarse coma agullas: “te ha vuelto a pasar, te has fumado sus colillas para robarle un par de besos y prometido amor eterno para follar sin hacer papeleos”; “qué importa que tanto te quieran, si no cierra tu cicatriz”, “Me he dejado el bigote en el lugar equivocado, debajo del ombligo no oculta mis pecados”, “debajo de tu falda han invocado a Satán, dicen que en el Infierno no se está tan calentito” …
As cordas de Sara Fontán, quinto membro da banda. son un dos puntos a favor no seu son actual, algo máis escuro por unha tensión na que tamén inciden as guitarras. Disto é bo exemplo xa o comezo con “Fantasmas de tus agujeros”. O seu álbum máis equilibrado, dentro do desequilibrio emocional dos seus textos, amosa un nivel medio más que notable, aínda que temo non sumará máis seguidores. Iso si, polo menos a metade do disco pasarán a ser favoritas de quen xa foron caendo no seu torrente emocional: máis escura “Islas de luz”, máis doce “Tus bombas del Liceo”, inquedante “Bragas bandera”, e a final “Un último esfuerzo”.
Pepe Cunha, 12-xaneiro-2015