manolo tarancón “reflexiones”

Maio 07, 2012

Se de “Imperfectos” (Comboi Records, ’09) salientabamos o crecemento lírico e o exitoso risco da produción de Paco Loco, agora xa debemos falar do traballo máis completo deste compositor. Son tempos duros para quen son inxustamente restrinxidos, tan cómoda como inxustamente, á etiqueta de cantautor, pero nestes 33 minutos (mesma cifra que os anos da súa idade) o valenciano bota por terra calquera tentación de encorsetalo. Claro que non inventa nada novo e caben as comparacións, pero deberiamos falar xa dun compositor de seu, coas influencias ben asimiladas. Moitas delas (Neil Young, Bob Dylan, Townes Van Zandt, Johnny Cash …) compartidas cos que abriron a porta a esta xeración que fai rock ou folk rock de autor en España, léase Quique González ou Nacho Vegas. Precisamente unha das novas cancións, “Me quedé en el medio”, vai adicada a outros dous talentos como Alfredo González e Fabián, con quen valentemente monta este selo La Viejita Música.

Obviamente, as letras non perden a súa importancia e coidado. Expresan vivencias e sensacións do máis personal e autobiográfico, como a súa faceta de músico e ese panorama pouco sensible ou interesado na personalidade, o esforzo ou o talento: “conocía a algunos grandes pequeños y a pequeños genios enormes/no tenían camino posible/simplemente no les dejaron pasar”. Tamén fala de recordos tan íntimos como a lembranza do seu pai (“Viejas fotos”), as relacións persoais (“Última esperanza”), as amorosas (“Buenos tiempos”), a tentación da noite (“Se me fue de las manos”) ou a aceptación do carácter (“Más de mil manías”).

Porén, esa diferenciación que constatamos con outras propostas máis ou menos comúns non vén por unhas letras que descoiden ou eclipsen a parte musical. Sen ir máis lonxe, o disco contén dous instrumentais: o fronteirizo “Reflexión #2” que lembra eses discos de folk-rock dos anos 60-70 e “Doncella dormida” pechando o disco só ao piano. Estes nove cortes amosan que musicalmente estamos ante un álbum zumento para quen o queira espremer. A sonoridade tan ben acabada arreda o sambenito que sempre pende sobre o artista que decote compón e interpreta só cunha guitarra. Este disco sona a banda e moito teñen que ver Alejandro Jordá na batería e David García nas guitarras e baixos. Sen perder de vista a perspectiva roqueira, achégase con solvencia ao folklore do sur na melodía, coros e palmas de “Se me fue de las manos”e algo semellante fai “Buenos tiempos” co calipso ou o caribe. Non faltan os coros e dúos femininos de Carol García (Limbotheque) en “Buenos tiempos”, peza romántica que non cae na edulcoración, e a atinada versión de “Capri”, clásico de Hervé Vilard. “Viejas fotos” lembra positivamente ao Nacho Vegas máis íntimo. En definitiva, “Reflexiones” é unha colección de emocións vitais, de lembranzas, sentimentos, acedos e doces, todo vestido en cancións de elegante madurez.

O álbum, excelentemente producido por Carlos Soler-Paco Morillas en Valencia e Paco Loco en Puerto de Santa María, pode mercarse acompañado do DVD “La inercia de la costumbre”. Este documental trata dos dous anos entre o EP “Horas vacías” e “Reflexiones”, cun músico a piques de se render en varias ocasións e que, afortunadamente, aínda ten discos como este por ofrecer. Non te arrepentirás de darlle un par de escoitas no seu bandcamp.

Pepe Cunha, 7-maio-12

AXENDA

Facebook

17 hours ago

Ábrete de orellas
A actualizar a axenda de concertos con citas como estas.De contactardes abretedeorellas@gmail.com facilitariades o labor. 😁 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook