manolo tarancón “imperfectos”

Outubro 16, 2009

Coas boas cancións do seu segundo álbum, “Más allá de uno mismo”, este valenciano deuse a coñecer entre unha salientable xeración de cantautores de influencia máis roqueira ou eléctrica (Fabián, Alfredo González, Luis Moro…), na liña xa consolidada de Quique González. Para este terceiro disco repite cunha discográfica da súa terra, Comboi Records, mais aposta forte por un cambio na produción. O que na anterior era pulcritude, suavidade, predominio do acústico ou grato ao ouvinte, convértese agora, da decisiva man de Paco Loco, nun son algo cru, máis de banda e abondo americano. A base rítmica, sinxela e sólida, acompaña a variedade sonora e instrumental das cancións: blues, toques electrónicos, megáfonos, distorsións, rock and roll, pedal steel, hammond, mandolinas, banjos ou lap steel. Mesmo as letras semellan aínda máis traballadas, máis personais, entendendo isto por gañar un selo distintivo de seu. Aquí hai un compositor currante, autoesixente, de mente aberta e que loita por ser el mesmo. “Imperfectos” resulta máis ca convincente con 11 cancións que se aprecian máis a cada escoita e que manteñen un alto nivel de principio a fin, así que permitídeme que non quede só con algunhas. Porén, “Momento perfecto”, “Con la magia a otro lugar” ou “Días de tregua” puideron ter o privilexio de adianto e vídeo que xa acadou “Alfama”. Coido que se fixésemos un traxecto de Nacho Vegas a Quique González, ben poderiamos topar con Manolo Tarancón no camiño.
Pepe Cunha 16-out-09.

AXENDA

Facebook