nota:
Mañá sábado ás 20 horas celebrarase no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela a gala final do Premio Narf da Deputación da Coruña na que competirán as bandas Carabela, Gloria Pavía e Rafa Morales, e CintaAdhesiva, que optan a un premio máximo de 4.000 euros para o gañador, 2.000 euros para o segundo clasificado e 1.500 para o terceiro.
A gala acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado (formado por Martiño Suárez, Faia Díaz, Teresa Cuíñas, Noel Feáns e Rodri Míguez) decidirá o gañador mentres no palco ten lugar a actuación do grupo convidado, De Ninghures. A final será presentada polo xornalista Luís Pardo, e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Xavier Belho.
O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.
Eis un pequeno resumo de cada banda finalista:
CARABELA: Deles o xurado destacou que é “unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada”. Nados en 2021, esta banda noiesa dálle unha nova volta ao ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.
GLORIA PAVÍA E RAFA MORALES: O xurado salientou desta proposta que chega desde Santiago a “utilización de elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora”, na que tamén destacan o seu talento vocal, a orixinalidade e o minimalismo.
CINTA ADHESIVA: Formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, o xurado destacou a súa “proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras”.