Se hai un proxecto prolífico e exitoso á hora de facer cancións para a rapazada e a familia este é, sen dúbida, Mamá Cabra. Desde 2002 acumulan máis dunha decena de álbumes cheos de cancións pensadas para ser cantadas ao vivo nas súas actuacións. Sexan poemas, pezas do folclore ou temas propios que procuran a diversión e a formación en valores positivos: compartir, paz, amor, abrazos, facer as paces … “Cando Mamá Cabra canta todas as penas espanta. / Lanza ao vento as súas cancións e alegra os corazóns”
Desta vez, ponlle ritmos populares diversos (pop, rocanrol, swing, kletzmer …) ás letras que escribiu Carmen Gil, autora tamén do conto deste libro-disco.
A protagonista da historia é Discordia, “unha bruxa que é feliz destruíndo a paz, facendo que todos os animais, e os humanos, se leven mal. E come olivas como unha tola… Con todo un día vai acontecer algo que cambiará o seu mundo, e o mundo enteiro, para sempre”. Ao se tratar dun libro-disco con conto, son importantísimas as ilustracións, que asina Iria Fafián.
Carmen Gil e Mamá Cabra únense para contar e cantar esta divertida historia.lago Rodríguez (baterías, teclados, baixos) e Tomi López Serrano (cavaquinho e guitarra) encárganse de nutrir de arranxos as músicas creadas por Gloria Mosquera Roel; (guitarra e voz). Ademáis do núcleo principal, cómpre salientar o brillo que dá ás melodías o violín de Harry Price. Cancións directas (12 en 34 minutos) pero coidadas para que tamén desfruten papá e mamá.
Este conxunto realmente agradábel para ollos e ouvidos aparece editado por Galaxia na súa colección Sonárbore.
Ppee Cunha, 30-xaneiro-2016