Malvela

Abril 14, 2012

MALVELA
sabado 14 Abril / 22.30 h
8€ / 4 € (soci@s)
Cantaban nas súas casas, tiñan nos seus corazóns as cantigas das avoas e un día puxéronse a facer festa con elas para achegarnos o seu tesouro musical. Malvela ofrécennos as cancións que veñen da terra. Somos a música que creamos, as cancións que moitas voces interpretaron a través dos tempos, as melodías que nos identifican. Somos Malvela, música con enerxía para que os cantos tradicionais, eses que elas aprenderon de corrido canda nenas, sigan a facer festa, a ser patrimonio vivo de todos e todas, a engaiolar coa súa beleza e o seu ritmo. Malvela son varias xeracións que se xuntan para transmitir o máis rico legado, cantigas interpretadas en celebracións tradicionais que agora elas recuperan para levar aos máis diversos escenarios ou para que soe nas nosas casas a través dos seus discos. O segredo do éxito de Malvela descóbrese ao velas cantar. Cando danzamos cos ritmos que nos transmite este grupo de mulleres que vai desde os máis de oitenta anos da Señora Carmen ata os trinta e pico de Raquel Domínguez, dámonos idea de que a nosa música tradicional non entende de idades, móvenos en todo tempo, forma parte de nós. A frescura, a enerxía, o entusiasmo destas mulleres que saen das súas casas para facer festa e o engado das cancións tradicionais están na base do seu éxito. Cunha década de actuacións nas súas costas, popularizáronse por un tema: o rabioso “Pirimpimpín” que é a banda sonora da existosa serie Padre Casares e que nada máis soar ten a virtude de facernos mover os pés e as bocas. O grupo Malvela sempre tivo unha querencia especial polo repertorio raiano e plasma agora nun disco en directo este afán de irmandade con Portugal e o Miño. Malvela soa mellor ‘ao vivo’, aí reside a súa esencia e a súa razón de ser. Elas disfrutan do calor do público e están máis ‘á vontade’, como dirían os nosos veciños portugueses, cantando para a súa xente, bailando, aturuxando e amenizando a festa. O concerto preséntase nunha secuencia que procura diluír as fronteiras xeográficas, temporais e culturais demostrando que temos, galegos e portugueses, unha única orixe común. Todo este legado cultural desenvolve unha viaxe lúdicomusical polo repertorio máis raiano, ‘Sete saias’, ‘Cásate, o prima’, a versión de Padre Casares de ‘O Pirimpimpín’, e ‘Voda na Raia’, a que mellor representa o espíritu deste disco. Tamén se canta a alentejana ‘Gota d’água’ e ‘Fui colher uma romã’. Magín Blanco compuxo un himno titulado ‘Pola rúa de San Pedro’ e Ana Senlle a ‘Cantiga do Apalpador’.

AXENDA

22:30 h.
Bar Liceum, O Porriño
4 / 8 €