Quen atopamos na música un hobby preferente gardamos nomes de artistas polos que sentimos certa debilidade ou simpatía conforme os descubrimos. E máis aínda cando non son moi coñecidos ou quedan nun goce de minorías. Sentimos un aquel cómplice, malia o sabermos que non se traten de propostas de voces ou interpretacións musicais exquisitas ou impresionantes; nin sequera anovadoras ou arriscadas. Ou talvez si sexa arriscado ser un mesmo e facer o que lle peta sen se condicionar por agradar. A min pásame con Sergio Makaroff desde que o descubrín con aquel “Tranqui tronqui” e o álbum “Un hombre feo” (1996).
Este arxentino residente en Barcelona ten composto cancións para Tequila, Los Rodríguez, Ariel Rot, Andrés Calamaro, Gotan Project, Azúcar Moreno, Manolo Tena … e de vez en cando, sen présas, edita os seus traballos propios. Mais o seu non é un caso de letras inspiradas envoltas de músicas excesivamente supeditadas aos textos. Aquí o resultado da combinación funciona, grazas en boa parte aos músicos de quen se rodea (ultimamente José Nortes na produción e Ariel Rot na dirección musical) e á súa melomanía. Esta contribúe a que atopemos ao longo do disco funk, country, reggae, rock and roll, rap, bolero, swing, bossa, ska … sempre entregados con gusto e lixeireza, sen cambios abruptos.
O disco é unha suma constante de praceres próximos que ás veces ignoramos: ese “Café con leche” (“Por Dios, ¡qué gran invento de la humanidad!”); a declaración de amizade ás árbores de “Poco ruido y muchas nueces” (“hola ciprés, qué tal abedul; colega baobab, tú sí que eres cool”); o dominio do vocabulario esgrimido a base de esdrúxulas en “Noche mágica” (que ben acaídos o violin de Manu Clavijo e o trombón de Norman Hogue!) ; eses rocks irresistibeis de “Poderes”, “Iluminados” e “Barcelona a tus pies” co seu planazo en parella; a chamada ao escapismo de “Nada personal” … E podería inzar esta crónica de detalles, pero se hai algo que non quero deixar pasar é ese sabe falar da alegría do amor chimpando sobre o charco cursi ou hortera. Coma exemplo, un chisco humorístico rapeado en “El libro de la vida”: “odio que sufras, amo que goces, me duele el pecho cuando toses, ¡cof-cof-cof! soy Sergio Makaroff”. E que dicir da narración de recordos e emocións de “Villa Gesell”?
Makaroff domina esa habilidade de nos tirar un sorriso, de transmitir naturalidade, luminosidade e positivismo. Levanta o ánimo dun xeito vacilón, imaxinativo, irónico e invita a sobrevivir neste mundo tolo apreciando as pequenas grandes cousas da vida. Tras varias escoitas, dou fe que este seu oitavo disco contén varias das cancións máis logradas da súa carreira, interpretadas con arte propia na voz e con músicos cómplices (canda os mencionados Rot e Nortés, a banda complétana Candy Caramelo e Toni Jurado). Por resumir moito e empregar unha frase súa: “lindas cancioncitas”. O deseño de portada de Borja Cuéllar e o “collage” do propio Makaroff redondean a xogada deste oitavo álbum.
Pepe Cunha, 17-setembro-2015