Máis discos para a máquina, 1º festival do selo cooperativo Discos da Máquina

Decembro 10, 2013

nota:
O selo cooperativo Discos da Máquina celebrará en decembro o seu primeiro aniversario cun festival de tres datas no que actuará a totalidade das bandas que o conforman.

Das Kapital e The Lost Omelette Makers (o venres 13); Grampoder e Ataque Escampe (o sábado 14); e Caxade e a Magnifique Bande dos Homes Sen Medo (o venres 20) darán tres concertos na Gentalha do Pichel de Compostela. Os cartos recadados servirán para financiar a edición dun EP con cancións inéditas destas bandas.

A música comezará ás 22.00 horas. A entrada para cada concerto custa 5 euros, mentres que o abono para os tres queda en 10. Os tiques poden comprarse en A Reixa Tenda e en Discos Miranda, en Santiago.

Discos da Máquina é un selo cooperativo nacido en decembro de 2012 da man de varios grupos independentes que unen esforzos para o traballo de xestión, distribución e promoción dos seus traballos, editados con licenzas abertas. A etiqueta conta con puntos de venda nas principais vilas e cidades de Galicia e, ademais, despacha as súas referencias a través do web www.discosdamaquina.com.

1º Festival Aniversario de Discos da Máquina
Gentalha do Pichel. 22.00 horas. Entrada para un día: 5€. Abono para as tres: 10€.

Venres, 13 de decembro: Das Kapital + The Lost Omelette Makers

– Das Kapital, autora dos elepés Ruído negro (finalista nos Premios da Música Independente na categoría de música electrónica) e Grecia (Discos da Máquina, 2013), combina axitación, propaganda, beats rotos, unha poética desfigurada pola guerra en curso, melodías fóra de consenso, palabras de orde intempestivas.
http://daskapital1.bandcamp.com
– The Lost Omelette Makers é o alter ego de Daniel Santos, un non-músico debuxante de cancións de pop hermafrodita antediluviano, rock autista para dominar o mundo, country de frenopático, folk anarquista afeminado, baladas de desamor onírico, sintes melódicos do espazo interior.
http://thelostomelette-makers.bandcamp.com

Sábado, 14 de decembro: Grampoder + Ataque Escampe

– Grampoder son Le Roi e Martin Wu, antigos compoñentes de bandas como The Homens, Stay Pretty ou Fame Neghra. Fan rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico, hardcore comeflores. O seu set cabe nun Seat Ibiza e din que tanto poden tocar no Carnegie Hall coma no hall dun piso de protección oficial. En 2013 editaron Golf Whiskey con Discos da Máquina.
http://grampoder.bandcamp.com
– Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock”n”roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e ruído. Do pop á americana con paradas no krautrock, na cumbia, no tango, no rap, no calipso e onte vostedes queiran.
http://ataqueescampe.bandcamp.com

Venres, 20 de decembro: Caxade + A Magnifique Bande Dos Homes Sen Medo

– Caxade é o novo projecto pessoal de Alonso Caxade. Indie-folk cum arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da velha Europa. Música elegante, modesta e singela, surrealismo pós-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico.
http://caxade.bandcamp.com
– A Magnifique Bande Dos Homes Sen Medo sementa a xeografía de música bastarda e indomábel, divertida e estudada, elegante e de estirpe importante. Formada por tuba, fagot, bombo, caixa, guitarra, trompeta, trombón, saxo alto e saxo tenor, editaron en 2012 o seu primeiro disco, de título homónimo.
http://amagnifiquebande.bandcamp.com

AXENDA

Facebook