máis de vinte convidadas na xornada Mulleres e Música o sábado 19 de maio no Teatro Colón da Coruña

Maio 12, 2018

nota:

Ses, Cora Novoa, Mounqup, Teresa Cuiñas, Guadi Galego, Diana López Varela, MJ Pérez ou Mar Catarina. Son algunhas das participantes na xornada Mulleres e Música, o sábado 19 de maio, promovida pola Deputación da Coruña dentro do programa “A Cultura é un Dereito”. O Teatro Colón abrirá as súas portas ás 11h e até a noite para acoller encontros, concertos, mesas redondas e máis, cos que abordar o traballo das mulleres no sector musical. Unha xornada aberta a profesionais e á cidadanía en xeral, para a que xa podes retirar o teu convite na web teatrocolon.es

Artistas, produtoras, deseñadoras, xornalistas, técnicas, managers, etc, estarán no Colón o sábado 19 de maio para reflexionar e, tamén, celebrar o papel das mulleres na música. A primeira xornada monográfica Mulleres e Música no Teatro Colón, promovida pola Deputación da Coruña, ten dous obxectivos xerais. O primeiro deles, visibilizar a calidade e excelencia no traballo que as mulleres desenvolven na industria da música. A diversidade de procesos e tarefas que moven o sector e son desenvolvidos por profesionais mulleres: creación, produción, distribución e comercialización, programación, comunicación. Con ese obxectivo, optouse por unha programación intensa, diversa en formatos, e concibida, na súa maioría, para interese do público xeral, tirando proveito das posibilidades que ofrece o teatro.

Unha xornada, a do sábado 19 de maio, para revisar datos e cuestionar estereotipos acompañadas dunha audiencia interesada en abordar o feito musical hoxe en día desde unha óptica feminista e cun destacado conxunto de profesionais da música coas que percorrer prácticas e estratexias. Máis de vinte persoas convidadas, entre artistas, produtoras, xornalistas, programadoras. Conversas sobre o escenario, mesas redondas, presentacións e música en directo con tres concertos: Mounqup, Naima Acuña Trío e Cora Novoa DJ Set. Unha xornada de celebración e reflexión nun momento no que se abren debates globais até agora inéditos no sector.

Cara as lentes lilás

Tras a inauguración, a xornada do sábado 19 abrirase cunha mesa redonda na participan unha historiadora, Lorena López Cobas, un programador, Julio Gómez co-director do Festival Sinsal, e unha artista ben coñecida como Guadi Galego. Conducidas pola guionista e periodistas Diana López Varela, centraranse na visibilidade e protagonismo da muller no sector. A seguir, e enmarcada na liña de traballo de apoio á creación musical de mulleres que desenvolve a Deputación da Coruña, esta xornada servirá de foro de presentación da proposta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e de Mulleres na Industria da Música (MIM) dirixida a empresas e institucións: “Cara as lentes lilás na música”. Un conxunto de medidas que contribúan a rematar coa fenda de xénero na produción de proxectos musicais, lanzadas desde o ámbito profesional na procura do compromiso efectivo daquelas entidades que producen, financian e programan música.

O método Ses

A tarde comeza con Ses, pero non en concerto. A artista subirase ao escenario do Colón para ser interrogada pola xornalista da TVG e colaboradora da revista Rockdelux Teresa Cuiñas. O último fenómeno da música vende discos, enche salas e enfeitiza á súa audiencia. Se hai un método Ses, descubrirémolo nesta xornada. Na sesión da tarde tamén o panel “Cando a vida che dá un martelo” no que participan 5 mulleres novas pero con longa traxectoria no sector musical: Mar Catarina, do selo Prenom, a produtora Cecilia Carballido, a cantante MJ Pérez, a responsable da sala Mardi Grass, Yolanda Villa e a xestora e parte de Mujeres en la Industria de la Música, Tamara Rodríguez Silva. Este percorrido polas diferentes tarefas da música será guiado pola xornalista de El Ideal Gallego Marta García Márquez.

A xornada do sábado rematará con música, por suposto. Ás 20:30 sube ao escenario do Colón a compositora e batería da Coruña. Naima Acuña, un deses nomes contados de muller que sobresaen na paisaxe do jazz en Galicia. Faino co seu trío que completan Paco Charlín (contrabaixo) e Xan Campos (piano). Naima Acuña estuda música desde cativa, licenciase na especialidade de Jazz no Conservatorio Superior de Música da Coruña e fai o mestrado en Valencia. E toca, toca e toca en directo, acompañando a grandes figuras do jazz e formando parte dunha morea de festivais.

O fin de festa vén da man dunha das Djs máis recoñecidas no ámbito intertacional: a ourensá Cora Novoa.Unha DJ no Teatro. Non calquer teatro, o Colón. Non calquera DJ. Cora Novoa (Ourense, 1985) recibiu o pasado ano a consideración de mellor DJ nos Vicious Awards. Unha referencia na música electrónica: dominio tércnico, emoción e enerxía. Traballa desde a honestidade, conta ela. E lévaoo feito en todas as áreas da industria musical (técnica, comercial, creativa), foi técnico de son, é compositora, colaboradora de medios e unha geek confesa, posuídora dun coñecemento tecnolóxico enciclopédico: hardaware, software e programación. Ten selo propio desde hai uns meses, Seeking the velvet (significa “na procura do veludo”), no que editou o seu último disco “Fight Love Faith”. Non se nos ocorre mellor peche de xornada no Colón que a sesión de Cora Novoa, nome propio da música electrónica e unha artista cun talento integral que aplica en cada paso da súa carreira.

Escoitar, preguntar, conversar, actuar e, tamén, bailar. A xornada Mulleres e Música o sábado 19 de maio desenvolverase en sesións de mañá e de tarde-noite con descanso a mediodía. O acceso é aberto e hai que retirar convite na billeteira en liña (www.teatrocolon.es) pódese escoller un convite para todas as actividades do día ou para aquela que sexan de interese.

Programa Mulleres e Música sábado 19/05/2018
Sesión mañá. Hall do Teatro Colón

11.h. Acto apertura
11:30. Killing me softly (Matándome suavemente)
Mesa redonda con:
Lorena López Cobas (profesora e investigadora da USC, autora Historia da Música en Galicia),
Julio Gómez (codirector Festival Sinsal Son Estrella Galicia)
Guadi Galego (Artista).
Presenta e modera: Diana López Varela (Periodista e autora de No es país para coños)

12:30. AGPXC e Mujeres en la Industria de la Música (MIM): Cara ás lentes violetas na música.
13:00: Vivir na Coruña. Directo con Mounqup.

Sesión tarde. Sala Teatro Colón
17h. Moita pista por gastar. Encontro aberto con Ses.
Presenta e pregunta:Teresa Cuíñas (xornalista)

18: 15.Cando a vida che dá un martelo
Panal de experiencias

Con:
Tamara Rodríguez (Mujeres en la Industria de la Música MIM).
Cecilia Carballido (Produtora)
Yolanda Villa (xerente Sala de Concertos Mardi Grass)
Mar Catarina (responsable do selo Prenom)
MJ Pérez (Cantante e guitarrista)
Presenta e guía: Marta García Márquez (Xornalista de El Ideal Gallego)

20:30 h. Jazz: estéreo-tipas. Naima Acuña Trío en concerto
Naima Acuña (batería)
Paco Charlín (contrabaixo)
Xan Campos (piano).

21:30. Ábrese o pano…e aparece a DJ! Con Cora Novoa DJ Set
Remate da xornada: 22:30h

AXENDA

Facebook