nota:
A Fundación Rosalía de Castro quere conmemorar o 23 de febreiro, Día de Rosalía (recén cambiado pola descuberta do día do seu nacemento), chamando á lectura dos seus textos e á participación no Caldo de Gloria e na Alborada para Rosalía.
Ao Caldo de Gloria xa se sumaron máis de 130 locais hosteleiros -listaxe en proceso de ampliación nos vindeiros días- e máis de 60 comedores escolares, ademais de concellos e empresas de toda a xeografía galega. Trátase dunha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.
Nesta sexta edición, o encargado de preparar o Caldo de Gloria na Casa-Museo será o cociñeiro Xoanqui Ameixeiras, que protagoniza o programa da TVG ‘Estache bo’. Sen embargo, por mor da Covid, non estará aberto ao público, pero gravarémolo en vídeo para que coñezamos a súa versión deste prato. En anteriores edicións elaborárono cociñeiros como Lucía Freitas, Pepe Solla, Chef Rivera ou Benigno Campos, ademais da escritora Ledicia Costas.
Este ano a iniciativa prosegue coa súa expansión polo país e máis alá, coa participación masiva da hostalería de Padrón e doutras localidades como Santiago de Compostela, Teo, Celanova ou Portonovo. Tamén se unen a esta proposta, alén de entidades como Raigame, a Asociación de Hostelería de Santiago ou a Fundación Curros Enríquez de Celanova. Pode consultarse a listaxe de participantes na web da Fundación (www.rosalia.gal), ademais das instruccións para facer o caldo e participar na iniciativa, alén de descargar os distintos materiais, como folletos, manteis ou carteis.
O obxectivo da Fundación Rosalía con esta iniciativa é que toda Galicia celebre a Rosalía a partir do seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller. Queremos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades.
Alborada de Rosalía
Este ano volvemos celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, ao igual que se fixera en 2013, en 2019 e en 2020.
A “Alborada de Rosalía” é unha peza musical escrita pola propia poeta, polo que facemos desde aquí un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexan pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada de gloria na súa honra.