nota:
Máis de 100 bandas participan no I Concurso SonRías Baixas (#SRB2013), creado polo festival do Morrazo co obxectivo de ofrecerlles ás bandas emerxentes a posibilidade de formar parte do cartel oficial do evento, que celebrará a súa XII edición os días 2 e 3 de agosto en Bueu e que o ano pasado conquistou a máis de 15.000 persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado. Nesta ocasión, está confirmada a presenza de dúas bandas europeas de primeiro nivel: a mítica banda punk británica The Toy Dolls e os italianos Talco, cultivadores dun ska revolucionario e festivo. A organización anuncia novas confirmacións para os próximos días e recorda que as entradas están xa á venda na web do Festival cun prezo reducido de 19 euros o abono de dous días, coa acampada incluída.
A resposta das bandas emerxentes á convocatoria do I Concurso SonRías Baixas foi arrolladora: en pouco máis dunha semana, a organización recibiu 102 propostas, 33 delas de fóra de Galicia. Entre as galegas, a provincia máis rockeira parece ser a de Pontevedra, da que proceden 45 dos grupos que se presentaron ao certame. Por estilos, arrasa o rock, con máis de 75 bandas. Sígueno, na distancia, a música mestiza, con 15 bandas; o ska-reggae, con 9; e o urban, con 3 propostas.
Cantidad e calidade
A organización salienta a diversidade e a extraordinaria calidade das propostas recibidas. Toda a diversidade do universo musical alternativo ten cabida no I Concurso SonRías Baixas, dende as bandas que recoñecen non ter subido nunca a un escenario e agradecen, simplemente, “a oportunidade que ofrece o Festival de darse a coñecer ante o público e, sobre todo, ante os programadores que forman parte do xurado”ata as bandas consolidadas como os madrileños Ke+Da, que levan desde os anos 90 tocando e teñen dous discos producidos por Kosta Vázquez e Manuel Arévalo (Boikot); ou Debuxos Reanimados, mítica banda galega creada nos 90; así como de bandas emerxentes que empezan a tomar posición no panorama musical
do Estado, como La Raíz (Valencia).
É chamativa a presenza de nove bandas catalanas, tres das cales -El Veïnat, La Senyoreta Descalça e Möndo Loco- forman parte de Tercera Via, unha asociación que promociona a música emerxente á que tamén pertencía Txarango cando tocou no SonRías Baixas, en 2011. É coñecido o vínculo do Festival con Cataluña, de donde procede moito do público do SonRías e tamén algunhas das bandas que máis se identifican co evento, como La Pegatina, Txarango, Astrio, Oriental Groove ou La Kinky Beat.
O enorme nivel e a excelente proxección de futuro das bandas participantes faise patente no amplo currículo de premios co que xa contan moitas delas. Os Alademoska gañaron o III e o VI Encuentro Pro joven de Alhama de Granada, o III Festivalet de San Juan (Alicante) e o Concurso Rockafalles Carcaixent (Valencia) e foron finalistas do Eisv´09 de Vigo, do I Ibi Rock e do XIV Festival Pop-Rock de Rivas Vaciamadrid. La Banda de Andrelo acaban de proclamarse vencedores do concurso de maquetas do Millo Verde, no que quedaron finalistas Os Mordecáns. Derroche, Maskarpone e La Sombra gañaron o Concurso de grupos Ourensanos que tocarán en esta edición del Derrame Rock. Booguie Band foron semifinalistas do Concurso Villa de Bilbao, no que participaron máis de mil bandas de toda Europa. Los Kualkiera gañaron o Certame Novos Valores da Cidade de Vigo no verán do 2012. E as dúas bandas de Bueu que se presentan ao I Concurso SonRías actuaron na pasada edición do Festival: A Tarantela Rabuda e Skarnivals.
Un xurado de luxo
Entre as 102 bandas admitidas a concurso, o público elixirá agora, antes do 19 de maio, a través da páxina de Facebook do Festival cinco finalistas para o Premio SonRías Baixas, aos que se lles sumarán outros cinco artistas seleccionados polo xurado do Festival, que está composto por persoas de referencia no sector musical, como Rubén Sierra, líder de La Pegatina e experto en comunicación musical 2.0; Juan Carlos Cabano Juankar, líder de Boikot, produtor e axitador de propostas musicais; Salva Rodríguez Ronko, director de programación de Radio Vigo (SER) e responsable do Maketón; Faber, produtor musical e colaborador de Estudio 3, na Radio Galega; David, programador do Café Auriense, referente da música en directo en Ourense; Víctor Cabaleiro Leiro, responsable da Sala Aturuxo, unha das de maior e mellor curriculum de Galicia; ou Berta Domínguez (SonRías): experta en comunicación musical 2.0 e bandas emerxentes e representante da organización do Festival SonRías Baixas. De entre esas dez bandas finalistas o xurado escollerá a banda gañadora, que recibirá un premio de 1.000 euros e tocará no escenario principal do Festival SonRías Baixas.
A Radio Galega, pola súa banda, seleccionará entre os admitidos a concurso as formacións que teñan cancións en galego e publicadas baixo licenza Creative Commons. As bandas que cumpran estes dous requisitos optarán ao Premio Son Radio Galega, cuxos finalistas serán escollidos polo público da Radio Galega, a través de chamadas en directo e de Internet. De entre eses cinco finalistas, elixirá o gañador/a do Premio un xurado formado por dous críticos musicais e a xefa de programas da Radio Galega. A banda gañadora recibirá 500 euros, gravará unha maqueta nos estudios da Radio Galega e actuará nun programa da Televisión de Galicia.