Maika Makovski & Brossa Quartet

Maio 19, 2017

nota:

Tras catro anos sen gravar, regresa Maika Makovski cun novo disco, Chinook Wind, que presentará no Pazo da Cultura de Pontevedra (venres 19 de maio, 21h) no marco do ciclo Voices. Con este disco completa unha etapa marcada por incursións no mundo do teatro, un tempo no que tamén actuou e compuxo música. E volve Maika Makovski con enerxías renovadas, un volcán de dimensións únicas na escena rock nacional, pero retorna, como algúns din, para rockear menos. Cun disco –o seu sexto álbum– magnético, turbio e doce ao mesmo tempo. Maika Makovski preséntase en Pontevedra co Brossa Quartet. As entradas, á venda en ataquilla.com

O disco Chinook Wind é unha celebración de arte e sensibilidade, unha abraiante colección de cancións que beben da mesma fonte do seu talento extraordinario. Sobre o escenario, con ela, o Brosa Quartet de Corda, unha formación coñecida por levar a escena pezas musicais que, no seu momento, foron contra o canon e, incluso menosprezadas. Tamén por participar en proxectos especiais, coma este xunto a Maika Makovski. Aleix Puig Caminal, violín, Pere Bartolomé Valls, violín, Imma Lluch Revert, viola e Quico Pugès Suàrez, violonchelo, son os seus integrantes.

Maika Makovski é unha estrela fascinante, unha rara avis… E esa é precisamente a maxia dunha personalidade imposible de encasillar e unha sensibilidade inspiradora, un caso único de artista total… Chinook Wind é unha selección de cancións que Maika Makovski, de nai andaluza e pai macedonio, compuxo tras regresar dunha viaxe a Macedonia na que explorou a fondo directamente nunhas raíces que ata daquela só coñecía dende a distancia. Para a súa presentación en Pontevedra, Maika Makowski achega a este ciclo Voices unha singular proposta musical acompañada por membros de Brossa Quartet, cuarteto de cordas e colectivo instrumental catalán que busca en todas as súas iniciativas o dialogo entre diferentes disciplinas artísticas e estilos musicais. Cun claro compromiso coa música contemporánea e a estrea de autores actuais e na creación propia de músicas de gran transversalidade.

Maika Makovski, a quen un xornal español chegou a describir como “musa do underground e unha das voces con máis autoridade do rock”, é unha polifacética artista, compositora, cantante e actriz, que xa amosou o seu talento e actitude dende moi nova, comezou a escribir cancións aos 12 anos e a actuar aos 14. O seu debut como actriz chegou na peza teatral Desaparecer (2011), coprotagonizada por Juan Echanove e dirixida por Calixto Bieito, con quen tamén colaboraría en Forest (2013). Maika Makovski, ademáis do seu traballo como actriz, tamén foi a responsable da composición da música para ambas as dúas obras de teatro, obtendo o prestixioso Premio MAX á Mellor Composición Musical pola música de Forest.

O ciclo VOICES nace en 2017 apoiado polo concello co obxectivo de achegar a Pontevedra a algunhas das mellores voces nacionais e internacionais; dende as máis clásicas ás máis vangardistas, tentando recoller as voces máis salientables do panorama musical actual nun contexto de programación aberto ás voces galegas. VOICES apostará polas sonoridades do mundo, sen atender a estilos nin modas, buscando sempre a calidade musical como valor principal do seu programa.

AXENDA

Facebook

59 minutes ago

Ábrete de orellas
o novo de Quant ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
21:00 h.
Pazo da Cultura, Pontevedra.
17 / 20 €