O músico d”A Rúa segue en estado de graza na faceta que lle está a dar desde hai uns anos maior recoñecemento popular: as cancións para a infancia e, por extensión, as familias. Tras o éxito de “A Nena e o Grilo” e a continuación máis pop “A Nena e o Grilo nun barquiño”, chega “Gatuxo”, un disco libro de edición fermosísima grazas ás ilustracións da brasileira Erica Maradona.
Gatuxo “é unha metáfora do crecemento da crianza e do descubrimento do mundo dende a perspectiva da arte e da afectividade”, como sinala Raquel Queizás, actriz e contacontos que tamén forma parte da plasmación ao vivo do proxecto. Estas cancións veñen inspiradas nos primeiros meses no mundo do fillo de Jorge Juncal e María “Faltri”, presente na gravación e xira do exitoso proxecto “A nena e o grilo nun barquiño”. Pezas como “Din don”, “Ven”, “Gatuxo”, “Maxia” ou “A lúa” son nexo claro entre os dous traballos, aínda que “Gatuxo” estea “recomendado para nenos e nenas de 0 a 6 anos”.
Así, na mesma liña musical claramente pop, suave, sobre guitarra acústica e con estruturas nítidas, pegadizas e tarareables, atopamos letras máis sinxelas, onomatopéicas incluso, sempre dotadas dunha dozura estrema: as marabillosas “Leite con mel” e “Risa”, “Doce”, “A culler”, “Tacatá”, “Cucú”, “Auga”… Ademais do papel principal dos mencionados Jorge e María, hai outras achegas musicais (Roi Ardao, Segundo Grandío, Faltriqueira, Chus Domínguez…) máis puntuais á gravación dun álbum que se pecha cunha sorpresa grata: a apertura a outras sonoridades e experimentacións de “Anémone de mar”, asinada por Pierre Rougier e con letra del mesmo, Marina Oural e Ugia Pedreira.
Fol Música afianza a aposta exitosa do anterior traballo de Magín e produce a parte non musical. Unha auténtica alfaia coa que provocar e compartir emocións.
Pepe Cunha, 20-novembro-2014