Magín Blanco “Camiños”

Decembro 27, 2017

Magín non ten o que chaman “voz bonita ou dotada” nin canta cousas edulcoradas ou compracentes. El escrebe cancións que procuran estimular e enriquecer o público infantil e xuvenil e xa supera ben un lustro. Segue a cantar con naturalidade e desta vez ofrece unha variedade musical que serve como achegamento excelente ao mundo POP, así en grande e en xeral: rapea, baila pop dos 60, soul ou electrónica, non esquece a canción pop-folque, exerce de crooner coa Gallaecia Big-Band … e ademais viste as cancións coa axuda de coros infantís e músicos fantástic@s: Guille Fernández, Javier Álvarez, Serginho Sales … e Segundo Grandío axudando a lustrar na produción musical.

Xa nos ten entregado en discos anteriores un feixe de cancións de divertidas a emocionantes, pero probablemente este sexa o seu mellor traballo, así en conxunto. Ademais duns temas propios tan atinados como “Marcho que teño que marchar”, “Peixiños do mar”, “O amigo invisible”, “Meu avó ieié” … engade unha marabilla de Héctor Lorenzo sobre texto de Valle-Inclán (“Paxariño novo”) e un instrumental precioso interpretado por Alberto Vilas e Isaac Palacín. De sinalarmos unha pega sería unha duración ás veces excesiva se pensamos na atención d@s máis pequen@s: só un corte baixa dos 4 minutos. Xa se verá.

Sen dúbida, as cancións son o núcleo, o máis importante, e non fallan, pero tamén cómpre animar desde o formato físico e ofrecer un produto completo. Unhas ilustracións fermosas de Leandro Lamas -esta vez en acuarela- volven cumprir máis que ben o cometido e ademais na parte de lectura “Camiños” tamén mellora o que nos ten entregado. “A nena e o grilo” e ”A nena e o grilo nun barquiño” xa contiñan prosa propia, pero agora as achegas en forma de contos e poemas veñen de verdadeir@s expert@s: Carlos Meixide, Víctor F. Freixanes, Ledicia Costas, Francisco Castro, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Marta Somoza, María Lado, Antonio García Teijeiro e Eva Mejuto.

Unha preciosidade editada por Fol Música.

Pepe Cunha, 27-decembro-2017

AXENDA

Facebook

19 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook