Magín Blanco & Burgas Beat “Clic”

Xullo 15, 2008

Tras dous álbumes en solitario con PAI-Música, Magín Blanco xúntase coa banda Burgas Beat para gravaren esta conexión ourensá que, con xustiza para co título, fai “Clic”. Aínda que as cinco composicións que aporta poidan apoiar esa impresión, este non é un disco do Magín cunha formación máis estable. Porén, tanto as súas como as de Carlos Rego manteñen eses sinais de identidade ben recoñecibles por quen escoitamos tanto “Ella” e “Realidad” (álbumes do primeiro) como o recomendable “Ni una sombra en el horizonte” que a Burgas editara con Rock Indiana.

Sempre dentro de correntes do pop-rock clásico e con moitísimas influencias comúns, esta colección amosa unha salientable variedade musical, que vai desde o son sixty de “La gran ola” aos aires de songwriter americano, ora con banda en El big bang” ora máis intimista en “La chica de los pies gigantes”, por citar só uns exemplos. Sería de xustiza citar as 10 novas cancións, mais quedarei coas miñas outras favoritas dentro do alto nivel do disco: “Canto de serea”, “No volveré” ou “Mejor que esto”. Coma guindas do pastel, a bonita presentación e unha versión da “Anduriña” de Juan y Junior que tamén fai clic.

Doses xenerosas de talento e personalidade nos textos, toda unha unión de forzas e cultura musical pop-roqueira, e esa obsesión sá pola procura da canción redonda. Como redondo quedou o son do disco.

Pepe Cunha, 15-xullo-2008

AXENDA