magín blanco “a nena e o grilo”

Marzo 11, 2010

Hai uns anos topei con “Veño ou vou?”, unha canción cantada a dúo por Uxía Senlle e Magín Blanco no primeiro disco en solitario do ex da banda La Rosa. Era unha desas cancións que se achegan sinxelas e intrascendentes mais rematan por quedarse aí gravadas, como aconteceu tamén con “Vuela palomita”, o dúo con Gloria Van Aerssen das Vainica Doble. Agora Magín salta ao público infantil con “A nena e o grilo” e non podo evitar relacionar as súas composicións coas mencionadas do álbum “Ella…”. Será que o autor é un neno grande ou un adulto que non quere perder parte do neno que foi, pero o caso é que ambas pezas transmiten un universo lírico semellante ao de “O meu país”, “Era festa”, “Arco da vella” ou “Vou do revés”. Este libro-disco que produce Uxía na parte musical e artística conta coas ilustracións de Iván Prieto e a colaboración de diversos músicos e cantantes como a mencionada Uxía, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Fred Martins, Tarci Ávila, Sérgio Tannus ou membros de Berrogüetto como Guillermo Fernández, nome de referencia en salientables traballos editados no país (Espido, Xabier Díaz ..). Tod@s xunt@s poñen talento e agarimo a eito sobre ritmos de rumba, pop, bossa nova, canción de autor, reggae ou folk. Nesta diversidade diferénciase positivamente doutros proxectos máis habituais e decote baseados no folk ou a canción tradicional. Estas trece cancións arredor da amizade entre unha nena e o grilo acadan o seu obxectivo de chegar a nenos e nenas de todas as idades dun xeito sensible, nada conformista ou condescendente. Transmiten positivismo, ilusión, inconformismo san, apertura de mentes, confianza, respecto, convivencia, diversión, aprendizaxe. Xa que logo, misión cumplida. Distribución e contratación en Nonsi ; edita OQO.
Pepe Cunha 11-marzo-2010

AXENDA

Facebook