Madness “Theatre of the Absurd presents C’est la Vie”

Decembro 21, 2023

Esta banda londinese fixo historia ao levar a onda de revival ska de finais dos setenta ao pop-soul. Asinaron un feixe de cancións gloriosas e non deixaron de ofrecer concertos divertidos e manter un público fiel. Mais semella que reconfortarse só na nostalxia non vai con eles e, sen présas nin presións, cando atopan a inspiración, entregan cancións novas en álbums frouxos como o anterior “Can’t touch us now” (2016) ou de moi alto nivel, como “The Liberty of Norton Folgate” (2009). Pois á altura deste e dun “Madness Presents The Rise & Fall” (1982) podemos colocar o décimo terceiro traballo dos Madness.

Desde o título xa adiviñamos ambición, unha estrutura de ópera-pop ou espectáculo teatral que remarca a voz do actor Martin Freeman a introducir prólogo, os 3 actos e o epílogo dun disco que invita a unha escoita de vez, completa. Ao xeito duns Kinks, argallan unha colección de cancións sobre a vida cotiá, personaxes e lugares de Londres, tratando temas que xa aparecían ao longo da súa traxectoria, e así continúan a súa liña, consigan ou non repetir hits. Porén, o importante é que aquí son maioría as pezas que amosan unha banda revitalizada, como “If I Go Mad”, “Lockdown and Frack Off”, “Round We Go”, “Baby Burglar”, “C’est la vie”, “Beginners 101” … Son cancións que amosan as principais cualidades dun son que non tratan de actualizar aos tempos para soar modernos ou revivir a súa xuventude, senón que son fieis aos seus referentes clásicos. Compoñen e tocan como os señores de idade que son, adaptándose con elegancia ás súas vidas actuais.

Pasaron catro décadas da súa irrupción, xa non son rompedores nin volverán fascinar ou sorprender pero son quen de chegar aos primeiros postos da lista de vendas en Reino Unido cando asinan un traballo tan salientábel coma este. Porque aquí non faltan eses sinais de identidade dos grandes Madness (ese xeito relaxado de cantar de Suggs, o saxo de Lee Thompson, os toques ska da guitarra de Foreman, o piano ora vacilón ora solemne de Barso … ) e o que de verdade importa: cancións que pagan a pena, con melodías e letras agridoces, divertidas ou reflexivas. “Para nós, gravalo foi o antídoto perfecto contra o caos dos últimos anos: todos estábamos alí, na zona adecuada. Eramos só nós, unha unidade industrial en Cricklewood, xogando xuntos. Encantounos !“. Vese que fixeron o disco que lles apetecía, probaron a produción e saiulles un dos seus mellores álbums, deses para escoitar do tirón.

Pepe Cunha, 21-decembro-2023

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook