Madeleine Peyroux

Novembro 12, 2013

nota:

O concerto da artista inaugura o novo Auditorio Novagalicia Banco do Preguntoiro
A exquisita voz do jazz Madeleine Peyroux chega o vindeiro 12 de novembro a Compostela

A cantante de jazz Madeleine Peyroux ofrecerá o vindeiro martes 12 de novembro un concerto único en Santiago de Compostela. O directo, que comezará ás 21:00 horas, será unha inauguración de luxo para o novo punto cultural que abre as portas na capital galega: o Auditorio Novagalicia Banco do Preguntoiro. Nel, a artista estadounidense presentará o seu último álbum “The Blue Room”, no que abandona o corte máis comercial, por unha proposta íntima e de calidade.

As entradas para asistir xa están á venda na web entradas.novagaliciabanco.es ou na billeteira do Teatro Principal. Tamén se poden adquirir no día do concerto, a partir das 19:00 horas, no despacho do Auditorio Novagalicia Banco. No patio de butacas e no primeiro anfiteatro o prezo é de 22 euros anticipado ou 25 no día do concerto. No segundo anfiteatro, a tarifa é de 20 euros anticipada, 22 o día do espectáculo.

O jazz e Madeleine Peyroux

Madeleine Peyroux naceu en Athens (Georgia, EUA) en 1974. Seu pai, natural de Nova Orleans, pona en contacto desde cativa co jazz, mentres que a súa nai, mestra de francés, ensínalle esta lingua e acompáñaa na súa formación musical. É precisamente coa súa nai coa que se muda a París en 1987, onde descobre aos músicos do Barrio Latino, cos que comeza a tocar na rúa e que marcarían a súa traxectoria musical e vital.

De volta nos Estados Unidos, o produtor musical Yves Beavais descóbrea nun local de Nova York e con el grava o seu primeiro disco “Dreamland” (1996) . Neste traballo combina cancións inéditas con clásicos de grandes como Billie Holiday, Patsy Cline ou Bessie Smith. Despois dun parón, no que a artista sufriu problemas coa súa voz, Peyroux grava en 2004 xunto co músico William Galison “Got you on my mind”, pero é nese mesmo ano cando a artista publica o seu considerado segundo disco oficial “Careless Love”. A voz ronca da cantante é gabada pola crítica e este álbum supón o seu lanzamento definitivo e o inicio dun período de catro traballos de longa duración co produtor Larry Klein (Joni Mitchell, Walter Becker, Tracy Chapman, Herbie Hancock…).

“The Blue Room”

En 2012 sae á luz “The Blue Room” un disco único, no que a artista recoñece que ” a única cousa que importa é a canción”, mesturando algunhas xoias musicais emblemáticas con composicións propias escollidas de xeito impecable. Trátase dun disco sofisticado no que se fusionan varios estilos na busca de crear un novo son.

O álbum conta cos músicos habituais do produtor Larry Klein: Dean Parks, Larry Golding, David Piltche e Jay Bellerose, pero co engadido especial dun elemento orquestral, aportado polos arranxos de cordas feitos por Vince Mendoza (Robbie Williams, Björk, Elvis Costello…). Inclúe ademais unha volta á obra de Leonard Cohen: a sexta canción “Bird On The Wire”, do poeta icónico.

LUGAR: Auditorio Novagaliciabanco, O Preguntoiro 28, Santiago de Compostela

ENTRADAS: entradas.novagaliciabanco.es, Teatro Principal, Auditorio NGB o día do concerto

PREZO: 20-22 euros anticipada, 22-25 euros no día do concerto

Auditorio Novagaliciabanco, Santiago de Compostela.
20 / 22 / 25 €