M-Clan sen sorpresas no Auditorio de Ferrol, 15-nov-14

Novembro 18, 2014

“M-Clan! … pero sentados?” Este era un comentario habitual ao saber que abrían a súa xira de 20 aniversario no novo Auditorio de Ferrol. Comprensible, pois asociamos con xustiza o seu nome a directos enérxicos e bailables, os dunha banda segundo os cánones do rock and roll: son potente e un frontman referente en continua conexión coa audiencia. En Ferrol un recinto bo ten que ser con asentos e a resposta do publico xustificou a utilización do de 900 prazas en troques dese seguro de son que é o Teatro Jofre. Queda para outro lugar o debate sobre este Auditorio excesivo para unha cidade masacrada e que ao seu carón xa ten “superpazo”.

A meirande parte do público alí presente xa víramos a banda unha ou máis veces (por iso repetiamos) e confiabamos nesa execución correcta desde o palco. Neste aspecto non houbo queixa, aínda que o volume resultase molesto por momentos e por zonas, probablemente debido máis ás dimensións do recinto que ao traballo dos músicos e o seu equipo. Porén, mentres trascorrían as máis de dúas horas, servidor agardaba algo máis, algunha novidade ou cambio no repertorio con respecto deses concertos abertos, de balde, esas citas ás que se achega un público en boa parte accidental e que cómpre captar para a causa. Nesta ocasión, a xente xa viña entregada e a banda podía arriscar un chisco.

Evidentemente, vaia por diante o respecto á elección dos artistas, e servidor non fala de deixar de interpretar momentos recoñecibles como as versións (“Llamando a la tierra”, “Maggie despierta”, “Me estás atrapando otra vez”), a tan debatida “Carolina” e imbatibles como “Usar y tirar”, “Perdido en la ciudad” ou “Quédate a dormir”. Refírome a recuperar cancións talvez non tan directas ou populares pero que axudan a amosar máis matices e etapas da banda. De seguro tanto a voz de Tarque como os músicos se lucirían, ao igual que fixeron con “Miedo”, “Roto por dentro”, “Las calles están ardiendo” ou “Pasos de equilibrista” (mesturado con fragmentos do “Baba O”Reilly” dos Who e o “Hallellujah” de Cohen), cunhas “Inmigrante”, “Gracias por los días que vendrán”, “Un buen momento” ou “Las palabras que dijiste”, por citar algunhas.

Se é comprensible que as bandas centren a atención ao repertorio do seu último disco, no caso dun álbum ao vivo tamén o é que a ollada ao repertorio pasado achegue recuperación de cancións non tan recoñecibles ou masivas, Desde a posición dalguén menos conformista, sería de agradecer darlle un algo máis ao público que nalgún momento se enganchou a unha das bandas referentes do rock and roll en castelán. Desta afirmación foi mostra clara o seu concerto de regreso a Ferrol moitos anos despois; e aqui coido que xa falo pola maioría.

Pepe Cunha, 18-novembro-2014

nesta ligazón, as fotos de Pixelín Photo:

AXENDA