Luz Casal, galardón honorífico nos 10º Premios Martín Códax da Música

Maio 26, 2023

nota:

►A artista recibirá o recoñecemento das músicas e músicos galegos na gala de entrega o 7 de xuño en Pontevedra

Máis de corenta anos na música fan de Luz Casal unha das voces máis valoradas neste século na escena europea. En 2023, prodúcese un novo recoñecemento para a artista ao serlle concedido o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música. Na décima edición dos galardóns, a directiva de Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos mesmos, quere recoñecer “a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora” que caracterizan a traxectoria da artista nacida en Andabao, Boimorto, en 1958. O premio entregarase na gala dos 10º Premios Martín Códax da Música o vindeiro 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. Promovidos por Músicas ao Vivo, os galardóns contan co patrocinio das Bodegas Martín Códax, ademais do apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Vinte discos narran a historia musical de Luz Casal. En 1982 viu a luz o primeiro, homónimo e eléctrico. Dende o primeiro momento no seu posicionamento na música a procura da profesionalidade é un obxectivo; quere o mellor, non só nela como solista, senón no conxunto de músicos, técnicos e produtores cos que vai traballar. En 1983 participa na xira ‘El rock de una noche de verano’, xunto a Leño e Miguel Ríos, todo un acontemento socio-musical na España do momento, no que cada noite actuará en estadios ante milleiros de persoas. A rockeira Luz Casal completa o seu despegue.Afianza protagonismo na música pop-rock española durante a década dos oitenta e, a finais da mesma, publica o disco “Luz V”. Temas como ‘Loca’, ‘Te dejé marchar’ e “No me importa nada” marcarán o seu futuro musical e se integrarán no seu repertorio durante as décadas posteriores. Luz xa é unha solista moi popular, o seu público é masivo e o seu recoñecemento, unánime.

Momento para aceptar a proposta de Pedro Almodóvar, que lle ofrece interpretar dúas cancións na súa película ‘Tacones lejanos’. Un bolero de Agustín Lara, ‘Piensa en mi’, e a adaptación dunha canción de Mina, ‘Un año de amor’. Dous temas gravados nun mesmo día; ela di que un dos momentos máis felices da súa vida. Esta banda sonora ofrecerá unha dimensión de Luz Casal non explorada que, entre outras consecuencias, abriralle as portas do éxito en Francia ata hoxe en día

Luz Casal e Galicia

En Andabao, Boimorto, no ano 2012, Luz Casal levanta un festival de música. O Festival da Luz é un proxecto pensado para a diversidade de manifestacións musicais, prendendo o foco en iniciativas locais e con carácter benéfico. Así o estableceu ela para poñelo en marcha. As súas recadacións destínanse a organizacións como o Banco de Alimentos ou a Asociación Española Contra o Cancro, doenza que Luz Casal padeceu en dous episodios en 2007 e 2011, e en cuxa recuperación quedou de manifesto o inmenso afecto do que goza por parte do público. Tamén en Galicia, na compostelá Praza do Obradoiro, gravará en directo o disco Solo esta noche, en 2021, xunto á Real Filharmonía.

Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax da Música, destacan non só o seu éxito en relación ao público que a segue desde hai décadas senón tamén “unha maneira de construír a súa carreira que é un paradigma para a comunidade artística”. Luz Casal está vivindo un ano pleno para a súa carreira, cunha xira de concertos esgotados en España e Francia, e con novo disco: “Las ventanas de mi alma”. O primeiro single do disco, lanzado en xaneiro, recollía a experiencia de Luz Casal que, durante o confinamento pola COVID-19 en 2020, conversou por teléfono con persoas que compartían o seu estado de ánimo coa artista. Realizou máis de dúas mil chamadas entre marzo e maio de 2020.

Gala 7 de xuño, votacións ata o 4

A relación de proxectos finalistas dos Martín Códax, que se desvelaba o pasado 10 de maio, ofrecen unha ampla perspectiva do panorama musical galego na actualidade. A votación está aberta aos socios e socias de Músicas ao Vivo ata o 4 de xuño. Tamén para o público xeral, que pode votar na categoría de Artista Emerxente a través da páxina web dos Premios (premiosmartincodaxdamusica.gal). Nesta categoría os proxectos finalistas son Fillas de Cassandra, Sergio de Miguel e Lontreira. A gala desta 10ª edición dos Martín Códax celebrarase o 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra, inspirada no mundo do viño; ali coñeceremos todas as propostas premiadas da edición. .

Facebook

2 days ago

Ábrete de orellas
ZËNZAR "rock en galego", rock e amizades na xira "30 anos bourando". Onte sábado montouse algo precioso ( Xurxo Souto dixit) na Sala Mardi Gras ... See MoreSee Less
Ver en Facebook