lulavai “lémbrame un soño”

Febreiro 21, 2015

Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz coñecéronse na Escola de Artes e Oficios de Vigo e despois formaron parte da orquestra folc SonDeSeu, dirixidas polo arpista e ex-Milladoiro Rodrigo Romaní. No 2008 crean un proxecto musical diferente protagonizado polas súas catro arpas e catro voces. Esta orixinalidade outórgalles un son moi característico, tanto ao arranxaren temas tradicionais galegos como ao ofreceren composicións propias. Tomaron o seu tempo para continuar o debut “Cor das verbas” (2010), tamén en Sul Producciones e distribuído por Inquedanzas Sonoras.

A principal novidade é que agora predominan as composicións propias e a posta en escea amósase renovada e coidada, de corte intimista e onírico. A súa música segue a ser un aloumiño para os ouvidos, elegante, coidada, construíndo unha atmosfera característica, ben acaída para nos refuxiar e relaxar en tempos de ruído. Con case metade e metade de instrumentais e cantadas, ademais das sete pezas propias rearranxan 3 cancións populares. Exercen de pandereteiras en “Cantariño novo” e podemos citar reminiscencias celtas polo son da arpa, e nomes asociados a ela como Lorenna McKennitt ou Joanna Newson, máis perto da primeira, iso si, pero tamén Milladoiro, obviamente. Porén, xa sn quen de ir abrindo o rexistro de sonoridades e viaxar a Arxentina en “Mar de prata”, facer pop en “Se ti es vento” ou reinterpretar a nana vasca “Artxoa seaskan”.

Con só dous discos, Lulavai ten selo propio de delicadeza e intimismo, soando a elas mesmas e con posibilidades de trascender a música tradicional galega. Esperemos se prodiguen máis, sempre e cando iso lles permita seguir coidando e crecer coa música que presentan. Se hai que agardar, que sexa para discos tan degustables coma este.

Pepe Cunha, 20-febreiro-2015

AXENDA

Facebook