Luis Prado “El tsunami emocional”

Abril 14, 2021

Cinco anos despois de “Mis terrores favoritos” e cos 2 volumes de “Plays Standards” polo medio, o alicantino Luis Prado volve presentar unha ducia de cancións propias. Desde finais dos 90 foi entregando a reivindicábel discografía de Señor Mostaza e The Flauteurs e atendendo as frecuentes chamadas para apoiar co seu piano discos ou xiras de M Clan, Miguel Ríos, Tequila, Caballero Reynaldo … Unha solvencia máis que probada como músico que sempre acompañou dun selo propio á hora de compoñer cancións pop e letras con personalidade.

Ademais de emocional polas letras, este álbum é un tsunami de boas referencias (E.L.O., Beatles, Beach Boys, Elton John, Supertramp, The Kinks …), sobre todo por ese piano protagonista malia se encargar tamén do resto da instrumentación. A excepción son as cordas sempre precisas de Manu Clavijo, como eses violíns e viola en “Me río (se acabó)”. Ben se ve que naceu a comezos dos 70 e nunca agocha as referencias que temos gravadas, sexa no musical, como os efectos de voz e os sintetizadores que nos retrotraen a The Buggles ou a E.L.O. en “Una última vez no importa”, sexa en frases memorábeis como “soy como Quique en Verano Azul” (“Vals del montón”) ou “El Telediario nos ha informado, con Ana Blanco y su peinado” (“El fin del mundo es ya”). Tamén hai elementos destes tempos (“me enseñaste un power point con todo lo que yo no soy”) e actualidade en “Te vi terraplanista” (”del sensacionalismo, del mundo reaccionario de El Mundo y OK Diario”) .

Podería destripar máis exemplos, pero o mellor é escoitares xa esta fervenza de hits potencias. Especialmente indicado para baby-boomers que aprecian o pop con toques desde cabareteiros a barroquistas, as letras que falan de relacións e rupturas cun mínimo de enxeño e graza, que non devecen por ir de modernas e gostan da ironía, de rir de nós mesmas, das nosas fobias e filias, dos clichés. E Luis Prado é banda sonora ideal, con este feixe de herdeiras de “Estoy gordo”, “Momento Garci”, “Ojalá pudieras ser” … todos en álbums editados con Hall of Fame, tamén desde o Levante.

Pepe Cunha, 14-abril-2021

Facebook