En outubro de 2010 falabamos de dous discos asinados polo coruñés Luis Gago “Filosofía barata” + “El exilio del bufón”. No pasado 2012 ofreceu on-line “Canciones recordadas” un EP de catro cancións que agora recupera para completar a edición física deste “Martingala”. A primeira novidade é que asina canda La banda del mal nombre, unha formación que inclúe músicos recoñecibles das escena coruñesa como os irmáns Tinaquero: Luis (dobro, mandolina, acústica) e Juan (baixo e contrabaixo). Miguel Ángel Varela, tamén nas guitarras, exerce como man dereita de Gago ao compartiren produción.
Este seu sexto traballo antóllasenos coma a súa produción mellor acaída. A banda lócese especialmente soando americana, sureña, aspecto onde ten moito que ver a instrumentación os Tinaquero (Miki Nervio & The Bluesmakers). Entre as colaboracións, destacan o acordeón de Diego Maceiras e en “La balada de Martingala” esas voces femininas invitadas que contrastan coa voz rota do vocalista e compositor, esa que nos trae a mente o mestre Tom Waits. Os textos están enchoupados en cinismo, acidez ou ironía e tratan temas como a grandeza e a miseria de xente normal, as situacións cotiás, un mundo canalla, crápula, de personaxes nocturnos, a estética dos perdedores ou as pantasmas propias daquel que di que “simplemente no encajo” (“Simplemente”). Precisamente a crónica e o aire de rancheira desta última amosan tamén un aire golfo máis hispánico que agroma tamén na letra do blues “Pedro el Patata frita”.
Como desde que rachou coa SGAE alá polo 2006, Gago segue a apostar pola autoxestión para a gravación e distribución dos seus discos, da man das licencias creative commons. Xa que logo, non tes excusa para non lle pegarlle polo menos unha escoita.
Pepe Cunha, 27/02/2013