Luis Emilio Batallán

Xaneiro 22, 2013

6€ anticipada, 8€ na billeteira

Luís Emilio Batallán prepara novo disco e testará as súas novas cancións mañá martes nas Crechas
O veterano artista volve aos escenarios logo de moitos anos e o seu novo traballo verá a luz a finais de ano
Luís Emilio Batallán nunca foi moi prolífico cos directos e agora regresa aos escenarios logo de moito tempo afastado deles. Farao mañá na Casa das Crechas (ás 22.30h, 6€ anticipada, 8€ na billeteira) e o venres en Ourense (sala Auriense). Batallán está a preparar novo disco (que verá a luz a finais de ano) e nesta xira testará os seus novos temas.

Médico rural, ex-presidente do Pontevedra Club de Fútbol, amigo de Pablo Milanés e Joaquín Sabina, contador de historias… pero sobre todo cantautor. En 1975 publicou o disco Aí ven o maio, no que musicaba poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, e do que se venderon nada máis e nada menos que douscentos mil exemplares. En 1989 apareceu o seu segundo disco, Ballet da nena, con letras propias e de Uxío Novoneyra, Neira Vilas ou Manuel Antonio. En 1992 apareceu o seu terceiro elepé, e no 2007 o último: Tu retrato.

Volve Luís Emilio Batallán aínda que nunca marchou. Certo é que Batallán leva moitos anos nun semi-retiro voluntario exercendo a su profesión de médico en Moraña (Pontevedra), pero nas últimas décadas -e sempre en ocasións excepcionais- o gran cantante galego ofreceu ou participou en recitais nos que demostrou a súa calidade como artista e tamén a validez do seu repertorio na actualidade.

Luís Emilio Batallán (Compostela, 1948) é o autor dun dos discos máis notables da música galega de todos os tempos: Aí ven o maio. Publicado en 1975, Batallán sorprendeu a tirios e troianos coa súa revisión musical de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro, Curros e Rosalía. Para algúns entendidos, ese disco está máis preto da música pop ca da canción de autor.

Ata aquel momento, a maioría dos cantantes galegos utilizaran, case sempre, o lado máis social ou “comprometido” dos poetas galegos para compoñeren o seu repertorio. Pero, sorprendentemente, e nun tempo no que aínda se lles esixía aos intérpretes un compromiso político definido, Batallán optou polo lado máis íntimo dos poetas galegos para elaborar un traballo que permanece na memoria de todos.

E, como diciamos, Batallán volve á primeira liña da música galega. Xa no pasado 2012 puidemos escoitalo nalgunha ocasión -homenaxes a Celso Emilio en Celanova e Vigo- pero, agora, o cantante regresa con intención de non baixar dos escenarios nunha longa tempada.

AXENDA

22:30 h.
Casa das Crechas, Santiago de Compostela.
6 / 8 €