Comentábase que esta cita coa veterana songwriter estadounidense podería non ser para tanto porque viña sen banda. Con isto da estafa (ou crise se usamos a denominación máis aceptada) temos oportunidade de ver grandes nomes ao vivo aínda que sexa nun formato acústico ou, como neste caso, de escasa instrumentación. Redúcense notablemente os gastos dos concertos e así poden ser asumidos e propostos ás institucións polas promotoras. Asemade, aumenta a oferta de xiras porque os músicos necesitan tocar, neste caso máis veces por menor un menor caché. En definitiva, que o público ten que elixir onde “inviste” os seus cartos para lecer e calquera comentario ou mala coincidencia pode prexudicar a resposta a un concerto. Afortunadamente, unhas cincocentas persoas apostamos por este plan para unha noite de martes e saímos satisfeitos.
O prezo da entrada non era baixo e algún medio falaba de que a Williams “só” viña acompañada polo soberbio guitarrista Doug Pettibone. Non foi así, pois tamén trouxeron o bo apoio ao baixo de David Sutton, que contribuiu a que o son do concerto tivese aínda máis corpo e calidez do que xa se supuña na voz e guitarras. Por se fose pouco, tamén a iluminación e o público, na súa inmensa maioría de mediana idade, estiveron impecables.
Nalgo máis de hora e media, Williams cantou co sentimento que xa transmite nas súas gravacións. Deu un bo repaso destas con até seis paradas no seu marabilloso “Car Wheels on a Gravel Road” de 1998. Os álbumes “Essence” e “World Without Tears” tamén estiveron ben representados e non faltaron dous temas do futuro álbum máis unha notable, e ben acaída para estes temos de “depresion/recesion”, versión do bluesman clásico Skip James. Coma primeiro bis e solictada desde o público, “West” foi talvez a máis emocionante dun concerto sen fenda ningunha. Tamén lembrou as versións de Betty Everett e Lila Downs cando presentou “Joy” e “I Envy the Wind”.
Non quedaron dúbidas, por Compostela pasou unha grande que se despediu agradecida a unha “inspirational audience”: “Peace and Love. Power to the people”…. e cancións de Lucinda Williams para sandar as feridas !
Pepe Cunha, 13-maio-2013
lista de cancións (contrastada coa info do noso colega Xavier Valiño) :
Can”t Let Go
People Talkin”
Pineola
Jackson
Greenville
I Look At the World (nova)
I Envy the Wind
Drunken Angel
Something Wicked This Way Comes (nova)
Born to Be Loved
I Lost It
Hard Time Killing Floor Blues (versión de Skip James)
Real Live Bleeding Fingers and Broken Guitar Strings
Essence
Changed the Locks
Joy
Honey Bee
bises:
West
Blessed
Ventura
Get Right With God
lista en Spotify e fotos: