nota:
O xurado do Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña deliberou esta mañá e fixo público as tres bandas finalistas: Lucía Aldao, Satélite Salitre e MÅI. A proposta gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o sábado 28 de outubro e que se emitirá tamén a través de ‘streaming’.
Formou parte do xurado como presidenta Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; ademais dos músicos Ramón Pinheiro (tamén director da Central Folque), Suso Alonso, quen coincidiu con Fran Pérez Narf en varios proxectos; e Mónica de Nut, cantora de ópera, jazz, música de raíz e experimental; Ánxeles Porto, directora do festival Feito a Man; e Marcos Gendre, xornalista musical. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.
O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.
Eis un pequeno resumo de cada banda finalista:
LUCÍA ALDAO: Emoción e sorna, revisión e identidade, amizade e crítica, son o fío condutor do segundo EP que publica unha cantautora da que o xurado destacou “a súa personalidade artística desbordante na que conflúe un universo propio musical cheo de intencións”.
SATÉLITE SALITRE: Banda liderada polo compostelán Pilo Sierra, en colaboración co cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet, o baterista LAR Legido e Pablo Sanmamed. Deles o xurado destacou que é “unha proposta orixinal de sonoridades marcada por unha canción de autor de vangarda”.
MÅI: A alianza de Iseo Agilda con Tomás Ageitos deu como resultado o disco ‘Nigredo’, que eles mesmos definen como “pop boreal” pola conexión que ten co pop nórdico, combinado coa tímbrica e a rítmica da música tradicional galega. Deste proxecto o xurado salientou a “electrónica acústica boreal de gran profundidade paisaxística”.