luar na lubre “extra mundi”

Decembro 28, 2015

A banda folque coruñesa Luar na Lubre está a piques de cumprir 30 anos de traxectoria. Ao longo deles saíron do circuito máis tradicional até gozar do maior momento de popularidade das músicas celtas. Chegaron a audiencias moi masivas grazas a unha figura do pop-rock coma Mike Oldfield e desde entón non deixaron de tocar con periodicidade pola Península adiante. Para ben e para mal, Luar na Lubre sempre mantiveron un son moi característico, rasgo de personalidade mais tamén asociable á repetición e un progresivo hastío por parte de público e medios.

Tras un par de gravacións ao vivo, neste 16º álbum ofrecen algo novidoso: á combinación de creacións propias e adaptacións de temas galegos suman unha homenaxe a outras culturas con versións de cancións populares: a tradicional catalá “Rossinyol” que fora interpretada por Joan Baez, Nana Mouskouri ou Serrat; do folclore vasco o “Txoria Txori’ de Mikel Laboa; da tradición castelá “La Molinera” que popularizara Agapito Marazuela; de Asturies “Onde vas por agua / Nel campu ñacen flores”; e “La Muixeranga” do País Valenciá … Sen dúbida, isto ten moito de complicidade para con ese “Extra Mundi” (mundo exterior) que tan ben recibe a banda ao vivo.

Poucas cousas cambian, gravan nos estudios Bruar da Coruña, a voz de Paula Rey está máis que asentada na banda, seguen coa multinacional Warner, Bieito Romero e Xabier Ferreiro lideran a produción artística … pero esta apertura sonora alén do universo galaico-celta-atlántico no repertorio agradará a quen seguen a banda e poden espertar atención de quen non o fan tanto.
A xira de presentación comezou en Ourense o día 11, continuou en Tudela e Alcalá de Henares, e en xaneiro volve a Galicia: o 8 no García Barbón de Vigo e o 9 na Coruña.

Pepe Cunha, 29-decembro-2015

AXENDA

Facebook

13 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook