O proxecto paralelo destes dous coruñeses volve cinco anos despois de “Las cosas que nadie debe ver” (Mushroom Pillow ’04). Hai un ano, Xoel López (ex Deluxe) preparaba o seu retiro ás Américas. Pola súa parte, Félix Arias paseaba as pezas do seu disco en solitario (“Manchados de tinta”) e o último cos Guru Deva. Para retomar o dúo Lovely Luna, xuntáronse no estudio para preparar este terceiro álbum, coa coprodución doutro galego en boa forma, Juan de Dios Martín. Estas novas dez cancións insisten na súa vertente máis folkie, preciosista e emocionante, esa que chama á calma e á contemplación das historias pequenas que poden chegar a facerse grandes. “Chang y Eng” é pop-folk de sempre, “añejo” ou atemporal segundo a disposición do ouvinte, feito con bo gusto, agarimo e atemporalidade. Nunhas pezas ben espidas de ornamentación, o protagonismo cae nos xogos vocais e nas guitarras acústicas, con coidadas achegas de piano e outros instrumentos como a trompa en “Balada del hombre desesperado y la novia en el río” ou a harmónica de “Borrascón” ou “Usted”. Coas aprendizaxes do pop psicódelico británico dos 60 e comezos dos 70, os Beatles, The Band, Simon and Garfunkel, Dylan ou os Cánovas, Rodrigo, Adolfo y Guzmán, asinan o seu disco máis sólido con pequenas xoias como “Parando el tráfico”, “El tercer día de abril”, “Tan sólo es la vida” ou “Rosa”. Autoeditado e dispoñible na tenda do dúo.
Pepe Cunha 21-decembro-09
Featured