Los Radiadores “Sorbos de electricidad”

Xaneiro 18, 2024

Aínda que nos arrodean os artistas recentes, as apostas das discográficas potentes e a actividade nas redes virtuais, na independencia máis absoluta segue a haber un circuíto de bandas e selos da vella escola do rock and roll. Son propostas que nos lembran o choio constante no local de ensaio, ese tocar cara a cara, sen máis pretensións que construír as mellores cancións que poden para despois levalas aos directos e o estudio de gravación. Esa actitude, ese contexto, é o de Los Radiadores, o cuarteto valenciano que entrega o seu quinto álbum e, talvez, o máis sólido.

Se o anterior “Bailes de verano” (2020) viña celebrar os seus dez anos e viu a luz xusto antes do parón pandémico, agora si presentan un repertorio completo de material novo con tanta ou máis intensidade que a que apreciamos nos seus traballos anteriores. Xa que logo, estas liñas non van achegar moita novidade ao comentado en cadanseu momento, pois a banda soa compacta, sen fisuras, co fío das guitarras aí ben presente. Manteñen como referencia un punk rock clásico e “Moriré más por ti” déixao claro desde o principio. Porén, e aínda que poda soar a “La misma canción”, non deixan de se achegar a outros estilos e semella que as composicións asinadas e cantadas por Raúl Tamarit sinalan máis á idade e a experiencia, como vemos xa en varios títulos (“He visto cosas que no podrás creer”, “Ya no somos jóvenes”, “Esto ya lo vi” … ) e nos versos de “Ayúdame”: “Ya no quedan héroes que canten al salir el sol. Se quedaron completamente afónicos, cansados de que nadie ya escuchara sus melodías todas las mañanas.”. 

“Sorbos de electricidad” son nove cancións directas (“Rápido”), en media hora, coa excepción dos 4 minutos dunha das miñas favoritas: “Querido dolor” e o seu ar cowpunk. Desta vez o cómplice na coprodución e gravación foi Carlos Ortigosa en La Azotea de Karlsound, en Alboraia, e seguen a editar con Bonavena Música, o selo que montou o propio Tamarit con Manolo Bertrán dos Doctor Divago, outra banda que vai por libre e confirma que se poden cumprir anos coa cabeza alta e o rock and roll como ingrediente vital.

Pepe Cunha, 18-xaneiro-2024

escóitaos no seu bandcamp 

repertorio

1.Moriré más por ti

2.La misma canción

3.He visto cosas que no podrás creer

4.Querido dolor

5.Han vuelto a llamar

6.Ya no somos jóvenes

7.Esto ya lo vi

8.Ayúdame

9.Rápido