Los Radiadores “¡Están vivos!” en el Fillmore Huertano

Novembro 06, 2025

O cuarteto valenciano Los Radiadores -Raúl Tamarit (voz, guitarra), José Antonio Nova (guitarra), Sergio Domingo (bajo) e Vicente Vila (batería)- xa acumulan un repertorio nutrido en varios EPs, álbums (“Manual de supervivencia“, “Gasolina, Santos y calaveras“, “Los perros ladraron”, “Sorbos de electricidad”) e mesmo o recompilatorio sui generisBailes de verano”, comentados neste mesmo medio. Agora celebran quince anos de traxectoria cun álbum de, tamén, quince cancións gravadas ao vivo. Fixérono o sábado 19 de outubro de 2024 no Fillmore Huertano e dentro da xira do seu último álbum de estudio: “Sorbos de electricidad”.

Como é lóxico, ese último traballo é o que achega máis contido, un tercio, mentres que o restante se basea nunha ou dúas paradas nos demais discos. Ademais das pezas asinadas por Tamarit atopamos dúas lembranzas aos seus admirados Parálisis Permanente, con “Esto no es” e a xa-versión dos Stooges “Quiero ser tu perro” como final apoteósico. Sen cortes nin engadidos, na súa liña clásica, soan semellantes aos discos de estudio. Iso si, cun punto máis -se é posíbel- de proximidade, crueza, inmediatez … “La prueba de sonido ha sido vista y no vista. Natural, esto es punk”, comenta o xornalista Juan J. Vicedo.

Los Radiadores son eléctricos e enérxicos, con ese descaro tirando a punk na voz de Tamarit. Se pensas, como dicían aqueles que só é rock and roll (neste caso rock, punk e post-punk), pero gústanos, achegaraste a eles. Ademais, se ben non son orixinais na súa proposta musical, si o son na edición física en CD, ben xeitosa en colaboración entre Osadía Ediciones e Bonavena Música: deseño por Balbina Benito, fotos de María Carbonell, Lydia Borja e Adri Castellanos, un libriño con carteis de concertos e unha obra do pintor italiano Antonio Minerba inspirado na canción “El gran premio final”, incluída en “Bailes de verano“.

Pepe Cunha 6-novembro-2025

escóitao no seu bandcamp

AXENDA

Facebook