Los Radiadores “Bailes de verano”

Marzo 11, 2020

O anterior traballo desta banda valenciana de rock con actitude punk fora un EP de catro cancións e, en certo modo, repiten a xogada pois aquí presentan seis cancións novas. Porén, tratándose do décimo aniversario da banda decidiron completar un álbum no que esas novidades ocupan unha cara do vinilo e cuxa segunda parte está conformada por tres directos e dous dos seus clásicos con cadanseu “remix”: “Gasolina, santos y calaveras” e “Hasta el final”.

As composicións novas reafirman a traxectoria da banda sen sorpresas, con esas letras rabiosas, o ritmo compacto e as guitarras afiadas, mais tamén a variedade estilística que este cuarteto sabe manexar con solvencia: abren con “Luna roja” a maior gloria dos primeiros Clash e os Ramones e acompañados da voz de Pat Escoin (Ex-Fan, Lula, Romeos); máis ramoniana ao Nikis é “Benidorm”; estréanse no achegamento a Xamaica ao xeito dos Clash en “El gran premio final”, onde contan coa voz invitada de José Manuel Casañ (Seguridad Social); non falta un rock máis obsesivo e siniestro de “Voces en mi cabeza” (“Ya no estoy solo, hay alguien dentro de mí”), máis clásico en “No me voy” e cun certo arume a blues en “Contra el asfalto”.

Finalmente acompañan as mostras dun bo estado de forma cunha celebración-repaso. A segunda cara do vinilo recupera temas coñecidos noutra versión: ao vivo na sala valenciana 16 Toneladas de dous dos seus clásicos (“Buddy Holly” e “Manual de supervivencia”) e, para maior gloria das súas referencias nos 80, unha versión dos primeiros Coyotes: “Extraño corte de pelo”. E de volta ao estudio, ese par de mesturas; unha máis ruidista e outra máis fronteriza. “Bailes de verano” é un bo xeito de celebraren unha década de traxectoria: un feixe de composicións novas que non desmerecen en absoluto canda unha puñada de versións inéditas.

Pepe Cunha, 11-marzo-2020

AXENDA