Los Eternos “Sonora”

Xaneiro 15, 2022

Malia nos ofreceren en novembro de 2019 un adianto do que sería este disco, non foi até case dous anos despois que a banda cedeirense presentou o seu terceiro longa duración. A pandemia veu frear aquel momento de reactivación que supuxo “Vientos solitarios” (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019), o álbum que os afastaba, e non só temporalmente, do debut “Back on the road” (Warner, 2010). O cambio ao castelán e a entrada de Álvaro Lamas na pedal steel guitar resucitou e enriqueceu unha proposta da que agardabamos esta confirmación. E non tardamos en constatar que ese acougo provocado pola reclusión da pandemia foi aproveitado con acerto.

Autoproducíronse e gravaron case na casa (os Estudios Bajocero con Víctor Gacio como enxeñeiro de son), reducindo as présas e favorecendo ás revisión e maceración das cancións. Así saen vitoriosos dunha ampliación de estilos e matices (sons californianos, rock, folk ou western) sen abandonaren o country nortemericano e o tratamento pop de melodías, coros e retrousos ben definidos. Ademais, o binomio compositivo entre a banda e Arantza Navarrete está máis que afianzado, con textos de nostalxia, melancolía, esperanza como “Bienvendido”, “El rey de tus dudas” ou “El tiempo”, celebración da vida e amor tras a morte (“El Vals de los Quebrantos”) ou mesmo denuncia (“Dioses en la pared” sinala os vendedores de fume que queren impoñernos as súas crenzas). E para finalizar, dúas guindas en forma de versión e instrumental. “Inexorable” é unha adaptación estupenda da “One Hundred Years From Now” de Gram Parsons para esa biblia que é o “Sweetheart Of The Rodeo” de The Byrds; e “Sonora” titula e fecha o disco con ar western.

O de Los Eternos non desmerece de traballos do rock americano en castelán de Los Secretos, Más Birras, La Frontera ou os primeiros Duncan Dhu. A steel de Lamas segue a achegar ese plus de distinción e o resto dos instrumentos cumpren coa súa angueira ao servizo da canción. Con só tres álbums é un pouco gratuíto falar do seu mellor álbum, pero si de que o disco -en CD ou en fermosa edición en vinilo vermello- se escoita de principio a fin, dun tirón e con agrado.
Editan Ferror Records e Milana Música.

Pepe Cunha, 16-xaneiro-2022

AXENDA

Facebook