Los Eternos “San Antonio”

Maio 23, 2025

A banda dos cedeireses Cudi e Chewis consolidárase como unha proposta sólida e clásica de country- rock e folk con “Vientos Solitarios” (2019) e “Sonora” (2021). Agora entregan un álbum que ha ser senlleiro na súa traxectoria e non só polo feito de cantar por primeira vez integramente en galego. A ese cambio acompañan unha carga emocional inmensa, fannos sentir o pulso dunha homenaxe ao seu lugar vital, á súa xente e, en especial, a Arantza Navarrete, a finada parella de Chewis e autora das letras da banda; unha Eterna fundamental cuxa marcha obrigará a unha nova etapa compositiva na banda. Porén, o presente é degustarmos este cancioneiro atemporal, inzado coa carga vital e sentimental da súa enfermidade e falecemento.

“San Antonio é un deses lugares máxicos da vila de Cedeira […] De San Antonio saiu a inspiración da maioría das cancións deste disco. Cancións que falan da nosa terra, do noso mar, das nosas tradicións, da nosa xente. Cancións que falan de amor, de dor, de vida e de morte“, escrebe Chewis nunha edición en vinilo preciosa deseñada por Fernando Ruibal e cunha portada que nos sitúa canda a fiestra de Arantza. Vemos os seus libros, instrumentos, obxectos e a paisaxe co cruceiro, a capela e o Atlántico. Alí escribiu unhas cancións persoais que no álbum van dispostas acorde co proceso de escurecemento canda a enfermidade da autora. De seguro que foi un esforzo sacar adiante un disco tan cargado de emoción, pero o resultado pagou moito a pena.

Cudi e Chewis acompañáronse de instrumentistas solventes -principalmente da súa terra tan musical- que achegaron metais, gaita, violín, acordeón. Todas xuntas contribúen a levar Los Eternos da sonoridade dun country máis americano á dun folk tradicional, de raíces, tirando a irlandés, por exemplo, do que son boa mostra “Canto eu te amei” e a final “San Xoán”. Porén, o disco conserva o selo Eterno de cancións de corte clásico, atemporal, de retrousos e melodías nítidas como “A forza das mareas”, unha desas cancións que atrapan. Como o fan as dúas nas que contan coas colaboracións vocais certeiras da súa paisana Guadi Galego en “Mar dos Balandros” e o vigués Oscar Avendaño en “O can”, a peza que abre con forza a cara B e apunta ao mal: “Can que mancas e que trabas/como unha besta feroz“. Ademais tamén atinan co par de recreacións: “Roadworn and Weary” de Supersuckers e “Love Minus Zero” de Bob Dylan.

“San Antonio” é un álbum sentido, fondo, no que as pezas tristes son das máis fermosas (“Sombras na noite” ou “Lembrar”); un traballo aquelado desde o mero desexo de compoñer e compartir cancións que brindan polas cousas da vida que nos unen, que compartimos. Nosoutros algún día marcharemos, pero as nosas poesías, as nosas historias e as nosas cancións quedaran eternamente”, Arantza Navarrete.

Pepe Cunha, 23-maio-2025

Podes escoitalo e mercalo en Ferror Records

Facebook