Desde que debutara con aquel “Tres hombre enfermos” a comezos dos 90, a formación liderada polo guitarrista Hendrik Röver pasou por infinidade de vicisitudes. Viviron e sobreviviron a problemas coas discográficas, prohibicións xudiciais, baixas e paróns na banda, proxectos paralelos, autoedición, reedicións e unha salientable evolución estilística: do rhythm & blues até o actual country & western, pasando polo que defiinían por power-blues, con chiscos do rock ou funk. Tamén Hendrik pasou de ser “só” un gran guitarrista a crecer coma un convincente cantante e notable letrista. Todo isto sen abandonar a súa fidelidade ao traballo constante e honesto e un directo potente, como viñeron demostrar a Galicia nestes concertos de presentación do novo álbum: “La caja de los truenos”.
A sala MardiGras acollía a primeira das datas e non rexistrou un cheo absoluto, aínda que si unha boa entrada. Cómpre lembrar que o concerto retrasou o seu comezo por mor do partido do Deportivo e non están as cousas como para perder potenciais asistentes. Si, son tempos difíciles nos que se fai necesario atender a todos os detalles, incluído sen dúbida o prezo das entradas e a venda de merchandising e discos tras a actuación. Xa esmorecen as subvencións e os patrocinios, polo que había que soltar uns bos 18 € na billeteira. Non obstante, algúns semellan non ter problemas en pagalos para pasar o concerto amolando coa súa petición a berros dalgún tema “popular”. Sabemos que si, que non é novo, senón bastante habitual, máis ou menos comprensible e que lle pasa a outros artistas (Josele Santiago, Coque Malla, Ariel Rot …). Porén, non deixa de resultar moi incómodo. Primeiro, para o artista que procura expresarse como lle presta en cada momento; e segundo, para quen queremos escoitar temas novos ou recreacións dos xa coñecidos. Claro que “Bien, Mejor” (1992) era un disco ateigado de cancións imbatibles, pero é que “Buenos tiempos” (2008) non queda atrás.
Mais non pensedes que co dito anteriormente vaiamos xustificar unha incómoda sucesión de temas novos e menos coñecidos. Todo o contrario. Comezaron sen deixar lugar a dúbidas co gancho de “Repartiendo” e “Odio mi oficio” (do álbum “Sólido”). As novas “El espíritu de la montaña”, “A qué vino volver”, “La caja de los truenos”, “El sector de los milagros” e “Gasoil y chocolatinas” foron atinadamente espalladas entre maioría do “Buenos tiempos” (“Yo puedo sacarte de aquí”, “Revolución”, unha brillante e estirada “Discotheque Breakdown” e “30 días”), “Elvis ” de “GT” e unha estupenda “Nadie me conoce” do “Bien, mejor”. Este primeiro set pechouse coa tamén nova “No por nada” que xa apunta a clásico recente da banda.
Se xa antes deleitara coa eléctrica e nalgunha peza coa pedal steel, Hendrik comezou os bises coa acústica para presentar o regreso de Muñiz (protagonista de “Repartiendo”) en “Lo que parece”. Deseguido, chegou o turno desas vellas pezas que seguen funcionando coma naquelas xiras eternas dos Del-Tonos: “Soy un hombre enfermo”, “No señor” ou “Todavía no sabes mi nombre”, co correspondente e antigo lucimento de Hendrik á guitarra. Xa nese final tamén caeu unha versión e única peza en inglés da noite; por se alguén o botaba en falla tras tantas notables pezas en castelán. Finalmente había para todos os fans, aínda que moitos non tivesen nin paciencia nin respecto. Algo incomprensible se temos en conta a calidade acústica, a execución e o repertorio esgrimido. Cando se xuntan no escenario, Hendrik Röver, Iñaki García, Pablo Zeta e Fernando Macaya conforman un seguro de bo concerto de estilos clásicos estadounidenses, e onte volveu quedar claro. Apunten en Galiza para hoxe sábado a Mondo Club (Vigo) e para o 5 de maio a Super 8 (Ferrol).
Pepe Cunha, 3-marzo-2012