Lori Meyers

Abril 25, 2015

nota:

A banda granadina presenta no Auditorio de Ferrol o seu último disco “Impronta” na súa única data en Galicia en 2015

O Ciclo Sons Ferrol conta o vindeiro sábado 25 no seu programa co agardado concerto de Lori Meyers. O directo ten especial relevancia xa que se trata da única data en Galicia confirmada polo grupo de Granada neste 2015. O evento será no Auditorio de Ferrol e comezará ás 20:30 horas. A banda, un dos referentes da música española independente, presentará o seu último disco “Impronta” e interpretará ademais algúns dos temas máis recoñecidos da súa traxectoria.

As entradas para asistir ao concerto están á venda no Teatro Jofre e en entradas.ataquilla.com.

Lori Meyers presenta en Ferrol “Impronta”, o último longa duración da banda e o seu quinto traballo publicado. A formación naceu en 1998 en Granada e comezaron a súa andaina coa edición propia de varias maquetas. En 2004 e da man de Houston Party Records lanzan o seu primeiro disco “Viaje de Estudios”. O álbum recibiu louvanzas da crítica especializada e o Premio Ojo Crítico Música Moderna, outorgado por Radio Nacional de España.

En 2005 gravan o segundo longa “Hostal Pimodan”, reeditado en 2006 cun formato dobre. Logo de dous anos de xira non interrumpida polas salas máis recoñecidas de España, e por festivais como o FIB ou Sonorama, Lori Meyers inicia o lanzamento de “Cronolánea” (2007), considerado pola revista Mondo Sonoro como Mellor Disco Nacional do Ano.

Cun membro máis, e convertidos en sexteto, acumulan nesta nova etapa máis dun centenar de concertos e reciben os premios Granada Joven, Andalucía Joven de las Artes e o Pop-Eye do Festival de Cáceres Pop-Art. En xaneiro de 2010 viaxan a Los Ángeles (EUA) para gravar “Cuando el Destino Nos Alcance”, que supón a chegada a un público maior e un salto no aforo dos seus concertos.

En 2013 sae á luz “Impronta”, con doce novos temas, nos que a banda retorna aos sons das súas primeiras composicións, recibindo o apoio da crítica e dun público crecente. O público de Ferrol terá oportunidade de escoitar o disco en directo, acompañado doutros temas que converteron á banda en imprescindible na escena musical actual do país.

CICLO SONS FERROL 2015
ENTRADAS: Teatro Jofre, entradas.ataquilla.com

AXENDA